O conselleiro do Mar visitou esta compañía que integra a máis de 20 empresas destinadas á transformación, comercialización e distribución de produtos do mar

Villares sitúa ao Grupo Pereira como referente en integración vertical, abarcando todas as fases do proceso produtivo ata a venda do produto final

Puxo en valor o carácter social e empresarial desta entidade, dentro do proceso produtivo que achega preto do 5 % do PIB galego; ratificando o seu liderado no eido da exportación

Grupo Pereira dispón de filiais en África e América do Sur e recentemente alcanzou un novo fito coa botadura dun novo buque arrasteiro, o Argos Berbés, que operará no caladoiro de Malvinas

Vigo, 14 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sitúa ao Grupo Pereira como referencia na aposta pola internacionalización e a integración vertical abarcando toda a cadea de valor, desde a extracción da materia prima ata a súa comercialización. Así o trasladou este venres, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e logo de coñecer as instalacións desta compañía, creada na década dos 50 e que integra a máis dunha vintena de empresas dedicadas á pesca, transformación, comercialización e distribución dos produtos mariños.

O máximo responsable da Consellería puxo en valor o seu carácter social e empresarial dentro dunha cadea produtiva que achega preto do 5 % ao Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade autónoma; ratificando así o liderado de Galicia no eido da exportación. O pasado ano saíron do noso territorio o 56 % dos produtos do mar que vendeu España ao estranxeiro, xerando o 52 % do valor; o que supuxo un volume de negocio que superou os 2.700 millóns de euros.

Para o titular de Mar, este Grupo é, por tanto, un claro exemplo de como completar o círculo e afondar na busca de valor engadido co peche da cadea mar-industria, constituíndo un verdadeiro éxito da pesca galega e dun elemento diferenciador no sector primario. Neste senso, Alfonso Villares expresou a vontade colaboradora do departamento que dirixe para seguir apoiando entidades coma esta, que son punteiras grazas ao apoio do Goberno galego, e que se viron beneficiadas das distintas liñas de actuación nas que participa a Consellería para a modernización de equipos, instalacións e sistemas produtivos. É o caso do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Filiais en África e América do Sur

Grupo Pereira dispón de filiais en Senegal, Mauritania, Namibia, Sudáfrica e Malvinas. A súa orixe remóntase ao emprego das primeiras embarcacións que faenaron, principalmente, na zona do Gran Sol. A súa traxectoria vén de ser recoñecida recentemente co XXVII Premio Emprendedor do Ano de EY por Galicia e Asturias, sendo a primeira empresa pesqueira que se alza con este prestixioso galardón.

A compañía alcanzou un novo fito coa recente botadura do Argos Berbés, un moderno arrastreiro de proa invertida construído polos estaleiros de Nodosa e que substituirá ao Argos Vigo. Está previsto que este novo buque, de 85 metros de eslora, que alcanza as 2.499 toneladas GT (arqueo bruto) e clasificado con cota de xeo, poida estrearse de cara a primeira marea en Malvinas no vindeiro 2025.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/06/2024