O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na clausura do XVII Encontro de Vilas Termais celebrado en Guitiriz

José González pon en valor o termalismo como elemento dinamizador do rural e xerador de emprego

Defendeu a necesidade de coidar e impulsar o termalismo como motor económico e remarcou que a Xunta leva anos traballando neste eido para potenciar este sector

Sinalou que Galicia é o principal destino termal de España e unha das rexións europeas con maior riqueza neste ámbito ao superar os 300 mananciais

Apelou á colaboración público-privada para xerar novas oportunidades con outras actividades económicas co fin de promover o emprendemento e que Galicia progrese nun mercado laboral e inclusivo, cun crecemento económico intelixente

Guitiriz (Lugo), 15 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na clausura do XVII Encontro de Vilas Termais, celebrado en Guitiriz, e alí puxo en valor o termalismo como actividade dinamizadora do rural, que axuda a fixar poboación e a xerar emprego de calidade e destacou o traballo da Xunta para potencialo. Neste sentido, sinalou que Galicia é o principal destino termal de España e unha das rexións europeas con maior riqueza neste ámbito pois supera os 300 mananciais.

De aí, expuxo o conselleiro, a necesidade de coidar e impulsar o termalismo como motor económico, unha tarefa na que o Goberno galego leva anos traballando. Faino, engadiu, con accións como o apoio a experiencias turísticas termais, plans de turismo neste eido e co impulso de eventos de promoción como a feira Termatalia ou a colaboración na recuperación de balnearios. 

Ademais, José González manifestou que esta actividade aúna tradición e modernidade e é un exemplo do que ofrece o rural galego. Nesta liña, fixo fincapé no seu valor para enfrontarse ao reto demográfico e xerar novas oportunidades con outras actividades económicas que medren ao seu carón. Un aspecto no que é clave a colaboración público-privada co fin de promover o emprendemento e de que Galicia progrese nun mercado laboral e inclusivo, cun crecemento económico intelixente, indicou. 

Neste ámbito, puxo o Encontro de Vilas Termais como exemplo de unidade a prol do desenvolvemento das comunidades locais e ao balbeario de Guitiriz como mostra de emprendemento con actividades ben arraigadas ao territorio. A maiores, agradeceu á organización desta cita e ás persoas asistentes o seu traballo e a súa contribución a unha Galicia máis próspera e sostible. 

Encontro de Vilas Termais 2024

O Encontro de Vilas Termais é unha cita organizada pola Sección de Entidades Locais con Augas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Este ano celebrouse en Guitiriz, onde reuniu a representantes locais de municipios termais e a outros profesionais do sector para establecer liñas de traballo de cara a próximos meses potenciando e dinamizando a marca Villas Termales e as experiencias dispoñibles nestas entidades locais. Ademais, hoxe a Sección de Vilas Termais celebrou a súa asemblea constitutiva. Durante este foro, abordáronse cuestións como modelos de xestión das vilas termais, retos internacionais deste sector, a dixitalización no turismo termal e a colaboración público-privada neste sector.

Data de actualización: 15/06/2024