A Xunta apoia en Santiago de Compostela a transmisión da marroquinería dentro dos oficios e das técnicas artesanais tradicionais de Galicia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á última xornada do curso ‘Marroquinería fina. Deseño e elaboración dun chestbag’, enmarcado no programa formativo do Goberno galego ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’

O curso está impartido por Ezequiel Franchi, do obradoiro Raíces Nómadas, finalista nas dúas últimas edicións do Premio Artesanía de Galicia e que xa participou como docente doutro curso de técnicas de marroquinería entre febreiro e marzo

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2024

A Xunta continúa co impulso á formación especializada do sector artesán galego e co apoio á recuperación e transmisión de oficios e técnicas tradicionais a través do seu programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá á última xornada do curso Marroquinería fina. Deseño e elaboración dun chestbag, que se desenvolve en Santiago de Compostela dende o pasado mes de maio.

O curso está impartido por Ezequiel Franchi, do obradoiro artesanal Raíces Nómadas (Ribadeo), finalista nas dúas últimas edicións do Premio Artesanía de Galicia. Na actividade participan tanto artesáns profesionais como estudantes de artes e oficios con experiencia na marroquinería.

Trátase do segundo curso enmarcado no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas impartido por Ezequiel Franchi, xa que entre os meses de febreiro e marzo deste ano dirixiu a formación Marroquinería fina. Elaboración dunha tote bag con asas ríxidas, tamén no espazo de Creativas Galegas, en Santiago de Compostela.

Programa formativo a prol da remuda xeracional

Aprender da tradición. Oficios e técnicas é un programa impulsado polo Goberno galego a través da Fundación Artesanía de Galicia para a renovación e a conservación de técnicas e de oficios tradicionais na artesanía galega, no que se teñen programado xa cursos especializados en ourivería, tecido tradicional, olería de Buño, tornería de madeira, patronaxe, tapicería e xastrería. Despois do verán está previsto introducir novas propostas formativas noutras técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios.

Ata o  momento, arredor dun cento de persoas teñen participado nas distintas accións de formación continua programadas para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos que aseguren o futuro da artesanía galega, téndose acadado xa -en menos dun ano de traballo- a incorporación efectiva de alumnado participante ao mercado laboral.

Data de actualización: 15/06/2024