A Escola de Cantería de Poio expón o talento do seu alumnado na mostra ‘Arías Xidas’
O titular de Educación da Xunta subliña a importancia de potenciar o oficio da cantería fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector
Poio (Pontevedra), 15 de xuño de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou a exposición Arías Xidas, que inclúe as obras do alumnado da Escola de Cantería de Poio, e maquetas do patrimonio cultural, coa obra do veciño José Manuel Magdalena Otero. Ambas exhibicións permanecerán abertas ata o 8 de xullo.
O titular de Educación da Xunta, ademais de felicitar aos estudantes polo excelente traballo desenvolvido, tamén aproveitou para recordar as novidades da Escola de Cantería para o vindeiro curso 2024-2025. O centro converterase nun Centro Integrado de FP, logo de que o Goberno autonómico asumira a súa titularidade, e aumenta a oferta formativa con catro novas titulacións. Os estudantes interesados poderán solicitar praza a partir do 24 de xuño.
O alumnado beneficiarase das melloras, xa que a partir deste curso, as ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional. Tamén, para o próximo curso, se ofertarán os ciclos duais de Proxectos de Edificación e de Construción. Estas titulacións de alta especialización son unha proposta exclusiva de Galicia onde, atendendo a demandas específicas por parte dos sectores produtivos, deséñanse itinerarios formativos moi especializados feitos ad hoc.