A Xunta destaca o impulso dado aos servizos de atención temperá que cubren hoxe practicamente todo o territorio galego
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe en Ferrol nun acto con Aspaneps, os profesionais e as familias usuarias deste recurso mancomunado
Ferrol, 14 de xuño de 2024
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou o impulso dado pola Xunta de Galicia aos servizos de atención temperá para levalos a todos os recunchos da comunidade. Díxoo nun encontro con membros de Aspaneps, os profesionais e as familias usuarias da unidade que presta atención aos nove municipios que forman parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol: Ferrol, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene Mugardos, Neda, Narón e Valdoviño.
Jacobo Rey lembrou que fai 15 anos só existían para toda Galicia dúas unidades de atención temperá, mentres que na actualidade hai preto de 50 repartidas por todo o territorio que atenden a 200 concellos. Esta ampla rede pública garante que as familias con nenos que poidan ter dificultades no seu desenvolvemento dispoñan do asesoramento, a información e os tratamentos adecuados.