A conselleira de Política Social e Igualdade, acompañada da secretaria xeral técnica e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, participou no acto de clausura do programa

Fabiola García destaca que máis dun cento de persoas se beneficiaron das solucións tecnolóxicas de ‘talentos inclusivos’

Este programa busca que alumnos de secundaria, bacharelato e FP desenvolvan proxectos que faciliten a vida das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades

A Xunta de Galicia achegou 60.000 euros para a celebración desta cuarta edición, na que participaron alumnos e profesores de 15 institutos das catro provincias galegas

A Coruña, 14 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da secretaria xeral Técnica da Consellería, María Francisca Gómez Santos, e da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Judith Fernández Novoa, participaron no acto de clausura da cuarta edición de Talentos Inclusivos.

A través deste programa, rapaces de secundaria, bacharelato e FP coñecen a realidade cotiá das persoas con parálise cerebral e achéganse ao potencial das STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) para desenvolver solucións tecnolóxicas que melloren a súa vida.

Nas catro edicións que leva celebrándose, beneficiáronse máis dun cento de persoas con parálise cerebral, coidadores e terapeutas, e fomentouse a vocación tecnolóxica e científica de máis de 200 alumnos de diferentes institutos. Este ano participaron rapaces e profesores de 15 centros das catro provincias galegas.

A conselleira destacou a importancia de que as Administracións establezan sinerxías coa comunidade educativa e universitaria e o tecido social para abordar a tarefa colectiva da inclusión. Nese sentido, garantiu que o Goberno galego, que colaborou con 60.000 euros nesta edición, sempre será un aliado para avanzar nese camiño.

Fabiola García felicitou aos alumnos polo seu traballo e a súa sensibilidade, e aos seus profesores por ter a visión necesaria para aproveitar o potencial das STEM para contribuír nesa causa. Con todo, lembrou que o piar fundamental desta iniciativa son as persoas con parálise cerebral, as súas familias e as entidades sociais, porque marcan o camiño a seguir cara unha Galicia máis integradora e, polo tanto, máis xusta. Un camiño que, defendeu, é unha cuestión de xustiza, un reto que nos concirne a todos como sociedade, e unha obriga á que non podemos dar as costas.

Talentos Inclusivos é unha iniciativa impulsada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CTIC), a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (ASPACE Coruña), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024