O polo de emprendemento de Friol da Xunta prestou xa asesoramento a preto de 150 proxectos empresariais, máis dun 20% do ámbito científico e técnico

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada Os polos, comunidade emprendedora, que organizou o centro lucense no marco do seu programa de actividades

Fernández salientou que a Xunta está a configurar unha estratexia galega para o emprendemento que se baseará nun estudo previo de mercado

O Mapa de Emprendemento, que busca integrar todos os axentes e recursos neste eido, conta xa con máis de 180 entidades adheridas

Friol (Lugo), 14 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, expuxo hoxe en Friol os programas e iniciativas principais que está a desenvolver a Xunta para darlle un pulo ao emprendemento en Galicia.

Na súa intervención, na xornada Os polos, comunidade emprendedora, que organizou o polo de Friol, sinalou a importancia que ten este eido para o Goberno galego e, por iso, avanzou que se está a traballar nunha estratexia para o emprendemento, unha planificación que se baseará nun estudo previo de mercado. “Con ela búscase dar un impulso coordinado a este ámbito implicando a todos os axentes do ecosistema de emprendemento de Galicia”, indicou.

Na súa exposición, Pablo Fernández puxo en valor, ademais, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que a Administración autonómica está a prestar asesoramento ás persoas emprendedores en calquera fase na que se atope o seu proxecto, desde o principio ao fin. Nestes intres existen 13 centros en activo que se ampliarán ata 15 con dous novos centros, en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Sarria (Lugo)

Con esta Rede atendéronse xa, en escasos dous anos, máis de 1.900 iniciativas empresariais (466 na provincia de Lugo), fixéronse máis de 5.000 titorías (1.276 na provincia lucense), arredor de 450 reunións con entidades do territorio (93 en Lugo) e centos de accións (preto de 100 en Lugo) entre formacións e eventos propios e externos en toda Galicia.

O polo de Friol, onde tivo lugar o acto, atendeu preto de 150 proxectos, a maior parte deles pertencentes a actividades profesionais científicas e técnicas (21%), seguido do sector da hostalería (14%) e da agricultura, gandería silvicultura e pesca (9%). En canto ás actividades, este centro realizou preto de 400 titorías. Sobre os proxectos de remuda, estanse a atender un total de 27 en toda a provincia.

O secretario xeral tamén destacou o Mapa de emprendemento virtual, unha ferramenta que puxo en marcha a Xunta recentemente para integrar todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia. É unha iniciativa que a día de hoxe conta con máis de 180 entidades adheridas e que ten como obxectivo coordinar e buscar sinerxías entre o público-privado. Do que se trata, en palabras de Fernández, é reforzar a coordinación e a especialización do ecosistema emprendedor.

“É importante impulsar o emprendemento da man de todos os axentes implicados para crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo, en definitiva, o crecemento de Galicia”, explicou.

Plan Remuda

No eido do emprendemento, a Xunta tamén conta co Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios, constituíndose como unha bolsa de substitución. Este Plan inclúe unha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, destinada a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade. Cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o programa busca fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego.

Para rematar, o secretario xeral de Emprego incidiu na aposta do Goberno galego polo diálogo e pola colaboración público-privada para seguir a facer de Galicia unha terra de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024