A Xunta renova a colaboración co KiteFest Cesantes para consolidar o “espectáculo de referencia nacional” na Ría de Vigo

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación do acordo para unha nova edición da proba na enseada de San Simón

Vigo, 14 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres xunto aos directivos do TMKite Club, Ricardo González e Justo Fernández Buena Voena, na presentación do acordo de colaboración para unha nova edición do VII KiteFest de Cesantes que terá lugar do 5 ao 7 de xullo.

“Para a Xunta é unha honra dar o seu apoio os organizadores dunha proba que xa se consolidou no panorama nacional do kitesurf”, sinalou a representante autonómica. Ortiz apuntou que o Goberno galego “estará sempre xunto a todos aqueles que fomentan o deporte, porque a través das actividades deportivas podemos transmitir aos máis novos os valores da solidariedade, o respecto e o esforzo”.

Igualmente, destacou que o KiteFest Cesantes converteuse no evento máis multitudinario desta modalidade na zona norte da península, polo que o obxectivo da organización para o 2024 será seguir crecendo e situar Cesantes e a ría de Vigo como “referente tamén internacional” deste deporte.

Pola súa banda, Ricardo González, presidente do club redondelano, quixo agradecer “un ano máis o apoio da Xunta de Galicia. Sen a axuda das institucións sería imposible levar a cabo este evento, que é único en España e que na súa sétima edición volverá ser puntuable para o circuíto galego da Real Federación Galega de Vela, contando coas modalidades de twintip, surf kite, foil e wingfoil”.

“O ritmo de inscricións polo momento é moi bo. Haberá participantes de toda España e contaremos unha vez máis con riders profesionais de fóra de Galicia, o que confirma o gran estado de forma no que se atopa o evento tras sete edicións”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/06/2024