A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á inauguración do Edificio Prioriño no Porto Exterior de Ferrol

Lorenzana pón en valor a colaboración institucional e social como chave para o desenvolvemento económico e industrial de Galicia

Sinala a importancia de seguir investindo en infraestruturas portuarias para ter un sistema loxístico axeitado ás necesidades de Galicia

A conselleira subliñou que o 70% das exportacións galegas saen vía marítima e que Galicia é a quinta Comunidade máis exportadora

Destacou que a política industrial que está a desenvolver a Xunta se basea na desburocratización da relación entre a Administración e as empresas

Ferrol, 13 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a colaboración institucional e social como chave para o desenvolvemento económico e industrial de Galicia.

Lorenzana participou na inauguración do edificio Prioriño no Porto Exterior de Ferrol, onde subliñou a importancia que ten para a industria e a economía galegas “continuar investindo en infraestruturas portuarias” e dispoñer “dun sistema loxístico adecuado”, apuntou.

Durante a súa intervención, a conselleira destacou que o 70% das exportacións galegas saen vía marítima e “batemos récords o ano pasado en canto a exportacións de xeito que somos a quinta Comunidade autónoma máis exportadora”, dixo. Por iso, “creo que é importantísimo que estean aliñadas as autoridades portuarias coa política económica e industrial que estamos acometendo na importante comarca de Ferrol”, Ademais, louvou o papel esencial do sector da loxística pois segundo explicou “o 12% do PIB galego está vinculado ao sistema loxístico, así como o 12,5% do emprego en Galicia”.

Finalmente, a titular de Economía e Industria destacou que a Xunta está a facer “unha política económica e industrial de desburocratizar a relación da Administración coas empresas”, dixo, e para iso “creamos a Oficina Económica do Igape que comezou a funcionar no mes de abril e xa tivemos practicamente 1.000 consultas e citas con empresas”. Neste marco lembrou a sinatura do convenio entre o Goberno galego, o concello de Ferrol e Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer) para que os empresarios sexan o enlace á hora de identificar posibles proxectos que trasladar a esta Oficina Económica e vehiculizar iniciativas empresariais susceptibles de implantarse en toda esta área.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024