A Xunta inviste máis de 342.000 € na eficiencia enerxética de cinco empresas turísticas da área de influencia de Pontevedra

O delegado territorial visitou o Hotel San Luis e destacou a importancia de apoiar ao sector con obras que diminúen o seu consumo enerxético e a súa pegada de carbono

Na área territorial de Pontevedra a Xunta inviste máis de 1,2 millóns de euros para este fin en 15 empresas

Agustín Reguera aproveitou a visita para anunciar a posta en marcha dunha nova campaña do Bono Turístico que arrancará a finais deste mes de Xuño e que se poderá utilizar de setembro a decembro deste ano

Vilaboa (Pontevedra), 13 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Hotel San Luis, no concello de Vilaboa, que recibiu unha achega de máis de 52.000 euros como parte das subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia. 

A empresa utilizou a axuda para mellorar o illamento das fachadas e da cuberta, o que  permitirá diminuír significativamente o gasto enerxético do edificio. Ademais substituíu boa parte das fiestras do hotel.

O delegado territorial sinalou a importancia deste tipo de axudas que permiten a moitas empresas “reducir a súa factura da luz, á vez que diminúen a súa pegada de carbono”. 

Trátase, segundo explicou Reguera, de unhas axudas que, máis alá de apoiar aos empresarios galegos, permiten mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos desta comunidade. 

Cabe destacar que na área de influencia de Pontevedra, esta axuda beneficiou a cinco empresas cun total de máis de 340.000 euros. Na área territorial de Pontevedra, as empresas beneficiadas son 15 e recibiron un investimento da Xunta de máis de 1,2 millóns de euros. 

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar a volta da campaña do Bono Turismo que arranca a finais deste mes de xuño, tanto para as empresas que queiran adherirse como para os usuarios que queiran descargalo e beneficiarse das súas vantaxes. 

A partir deste mes de xuño calquera galego poderá descargar un máximo de dous bonos de 150 euros cada un, que poderá utilizar dende o 10 de setembro, ao 25 de decembro. A Xunta porá a disposición dos usuarios máis de 16.000 bonos. Un investimento total de un millón de euros, co que espera mobilizar ata dous millóns de euros. 

Este ano haberá unha novidade, xa que o usuario terá que adiantar unha parte do bono. Isto é, dos 150 euros, o usuario terá que adiantar 90 euros e os 60 euros restantes serán asumidos pola Xunta. Esta é unha forma de evitar que moitos bonos se queden ser usar, pero non afecta ao desconto, que seguirá sendo do 40 % en estabelecementos turísticos e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia. 

Dende que se puxo en marcha, despois da pandemia do Covid, o Bono Turismo mobilizou ata 14 millóns de euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024