O conselleiro do Mar visita a factoría do Grupo Profand en Cambre

Alfonso Villares destaca a proxección exterior do liderado galego no ámbito pesqueiro con compañías que operan nos cinco continentes

O titular de Mar sitúa o desenvolvemento de modelos de negocio integrados que vaian desde a extracción da materia prima ata a súa comercialización, a aposta pola xeración de valor engadido e pola sustentabilidade como os mellores piares do sector

O responsable autonómico puxo en valor a traxectoria do Grupo Profand, fundado no 2011, que na actualidade ten presenza en nove países repartidos en catro continentes converténdose na segunda maior compañía pesqueira de España

Tamén reclamou ao Goberno central celeridade para tramitar o comprometido “mini-Perte” para a cadea mar industria que permitiría activar novas inversións e acelerar a súa transformación e modernización

Cambre (A Coruña), 13 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a proxección exterior do liderado galego no ámbito pesqueiro grazas a compañías que operan nos cinco continentes e que converten Galicia nun referente internacional. Así o manifestou durante a visita ás instalacións do Grupo Profand no concello coruñés de Cambre na que puido coñecer da man dos responsables da empresa o traballo que se realiza nesta factoría co obxectivo de conseguir un produto da maior calidade para o consumidor final.

O responsable autonómico situou o desenvolvemento de modelos de negocio integrados, que abarquen desde a extracción da materia prima ata a comercialización final, a aposta pola xeración de valor engadido e pola sustentabilidade da actividade pesqueira como os mellores piares sobre os que asentar o futuro da actividade pesqueira galega. Nesta liña, recoñeceu os esforzos do conxunto da cadea mar-industria no ámbito da innovación dando como resultado un sector máis competitivo e respectuoso co medio ambiente.

Nesta liña, louvou a traxectoria do Grupo Profand e púxoa como modelo de éxito. Fundada no 2011, esta compañía logrou espallar a súa presenza en nove países repartidos en catro continentes, levando os seus produtos a máis de 60 países. Na actualidade é o segunda maior empresa pesqueira de España e referente mundial na comercialización de especies como o polbo, a lura, pota e choco, operando tamén noutras como a pescada, o lagostino, fletán, atún ou peixe espada, entre outros.

Tramitación Perte

O conselleiro do Mar reclamou axilidade ao Goberno central no desenvolvemento e tramitación do “mini-Perte” para a cadea mar-industria de 40 millóns de euros anunciado. Se ben, insistiu en que é unha cantidade “ridícula” para as necesidades do sector comparado cos máis de 1.000 millóns do Perte Agroalimentario, polo menos que sexa tramitado con rapidez para que poidan activarse inversións que permitan avanzar na transformación e modernización do sector pesqueiro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/06/2024