A Xunta comprométese a seguir garantindo o mellor servizo turístico no spa de viñoterapia de Leiro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, responde unha pregunta no Parlamento sobre os resultados do centro de viñorerapia situado na vila ourensá

Apela ao “diálogo permanente” coa concesionaria e o concello para coñecer de primeira man as necesidades para unha xestión cada vez máis eficaz

Santiago de Compostela, 13de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, respondeu hoxe no Parlamento de Galicia unha pregunta sobre os resultados do spa de viñoterapia situados no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, sobre o que manifestou o compromiso da Xunta de Galicia por seguir garantindo que a empresa concesionaria ofreza os mellores servizos turísticos, para o que, recordou, está en “constante diálogo” coa empresa concesionaria e co Concello.

Xosé Merelles referiuse ao carácter “pioneiro” deste centro aberto no ano 2018 para contribuír a dinamizar desde o punto de vista turístico o interior da Comunidade. “Para favorecer o fluxo de turistas á provincia de Ourense apostamos por proxectos novidosos como estes que tivesen en conta valores autóctonos do noso territorio e o spa, no corazón do Ribeiro, naceu como un elemento clave para potenciar a comarca como destino termal e enogastronómico de primeira orde”, explicou.

Como indicou, neste tempo o Goberno autonómico é coñecedor de que existe un compromiso da empresa por manter en funcionamento este centro de acordo ao estipulado nos pregos da concesión e recordou que a Xunta de Galicia permanece vixiante para que así sexa, facendo uso do seu labor inspector e “instando a que se corrixan as posibles deficiencias, de ser o caso”.

Neste sentido relatou que os pregos inclúen a posibilidade de algúns dos peches foron por razón técnicas, de mantemento ou causas extraordinarias, como se deu durante a crise sanitaria da covid e recordou que non existiu por parte da empresa titular da concesión ningunha petición de modificación do canon “que non sufriu variación algunha e segue sendo o mesmos desde o principio da concesión”, dixo.

Xeración de emprego

Referiuse tamén á capacidade da concesionaria do Mosteiro de San Clodio de xerar emprego na comarca do Ribeiro, que, ademais, experimentou un notable pulo turístico desde 2018 -data de apertura do spa-, cun 7% máis de visitantes, “e moitos deles escolleron o Hotel-Monumento de San Clodio como lugar para se aloxar e para desfrutar das súas dependencias anexas, nas que se sitúa o spa”, expresou.

“Sabemos que hai aspectos mellorables, por suposto. Nestes seis anos, a concesionaria propuxo unha serie de cambios, houbo propostas de mudanzas sobre as condicións do prego e houbo respostas dende a Axencia Turismo de Galicia para asegurar que as condicións dos pregos se cumpren”, expresou.

Indicou que a Xunta continuará en contacto continuo co Concello de Leiro e coa concesionaria para “coñecer de primeira man as necesidades para unha xestión mais eficaz, acorde á importancia da comarca na que se encontra e a os novos cambios nos hábitos dos viaxeiros.

O director de Turismo enmarcou, ademais, este centro no forte impulso que a Xunta de Galicia está a dar ao termalismo e enogastronomía a través de distintas iniciativas de notable éxito como o deseño con fondos Next Generation de Plans de Sustentabilidade Turística ao redor da Enogastronomía e mesmo das Vilas Termais e Cascos Históricos que se están a desenvolver en distintos territorios galegos, ou a creación da Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024