A Xunta informa nunha xornada técnica sobre a nova normativa europea de máquinas que busca reforzar o nivel de protección na seguridade dos traballadores

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura dunha xornada técnica en formato webinar sobre as principais novidades do novo regulamento 2023/1230 relativo a máquinas. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración organiza esta iniciativa dentro da oferta formativa do Instituto incluída no seu plan de actuación para 2024 e aliñándose cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.

O sector das máquinas, en palabras de Quinzá-Torroja, vai  experimentar un cambio significativo coa publicación do novo Regulamento (UE) 2023/1230, que substitúe a anterior Directiva de Máquinas 2006/42/EC.  Esta lexislación, esixible en todos os estados membros da UE, nace da necesidade de mellorar, simplificar e adaptar as disposicións da dita directiva ás necesidades do mercado actual.  As normas actualizadas permitirán, tal e como salientou, á industria europea operar conforme un marco xurídico novo e mellorado. Garantirán un elevado nivel de protección para os nosos traballadores e cidadáns, á vez que aumentarán a competitividade e a reputación das máquinas fabricadas na UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024