A Xunta traballa para reforzar os centros comerciais abertos como espazos perfectamente identificables e atractivos para os consumidores

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, sinalou hoxe na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo que o Goberno galego define unha nova estratexia para impulsar en Galicia un comercio de calidade que xere confianza

Nesta planificación apuntou que será primordial o labor cara a remuda xeracional, a formación e a transformación das prazas de abastos en mercados excelentes

Recordou que están abertas as convocatorias de axudas destinadas a apoiar os centros comerciais abertos e do Bono Remuda

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, salientou hoxe no Parlamento, na comisión sexta de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo os vindeiros retos do Goberno galego para seguir impulsando en Galicia un comercio de calidade que xere confianza e cree e fixe actividade económica no territorio. Alén apuntou que unha das prioridades é promover a revitalización e o asociacionismo entre o comercio galego para facelo máis forte e para que se poida adaptar a un contexto no que cada vez existe máis competencia.

Explicou, así, que o labor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración centrarase en impulsar Centros Comercias Abertos que estean perfectamente definidos, sexan identificables e específicos dentro dos espazos urbanos, e sobre os que actúe unha única asociación de comerciantes. Incidiu que sobre este eixo xirará a nova estratexia de comercio sobre a que está a traballar a Xunta de Galicia. “Estamos a traballar nun novo concepto para dinamizar dun xeito integral estes espazos contando con todos os axentes do territorio”, afirmou Alén, indicando, ademais, que a Axencia Turismo de Galicia xogará un papel importante porque estas áreas pretenden ser un recurso turístico máis para as vilas e cidades. 

O director xeral lembrou que a Xunta xa destinou en 2023 un total de 2,25 millóns de euros para apoiar 51 centros comerciais abertos de cidades e vilas de Galicia e recordou que o pasado mes de maio convocouse a orde de axudas deste ano, dotada con outros 2,25 millóns de euros para a innovación e dinamización destes centros. Son apoios que ademais de financiar custes do xerente e gastos de actividades tamén van dirixidos a mellorar a fidelización e a dixitalización con medidas como bonificacións para aparcar a través dos tikects de compra o través da creación e mantemento de marketplaces, páxinas web ou mupis e sinalización dixital, entre outros.

Con esta iniciativa, Alén apuntou que o que se busca é crear un entorno de confianza e de interese para os consumidores. Estes apoios poden solicitarse ata o vindeiro 24 de xuño.

Insistiu na necesidade de traballar sobre espazos ben definidos que permitan identificar dun xeito fácil as zonas comerciais dun determinado núcleo de poboación, especialmente nas sete grandes cidades, e que esperten o interese dos consumidores.

“É o camiño a seguir dentro dos obxectivos das Consellería a través da escoita activa e participativa co sector”, engadiu o director xeral. Nesta estratexia para o comercio sobre a que está traballando o Goberno galego tamén será primordial o labor cara a remuda xeracional, a formación e a transformación das tradicionais prazas de abastos en mercados excelentes.

Remuda e Mercados Excelentes

Sobre a remuda, Alén sinalou que é, sen dúbida, un dos grandes retos no sector comercial e recordou, ao respecto, o Bono Remuda que acaba de lanzar o Goberno galego cun orzamento de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego. A orde, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 30 de outubro, enmárcase no Plan de remuda que está a funcionar ao abeiro da Rede de polos de emprendemento que ten 13 centros activos. O obxectivo é evitar o peche de negocios por falta de remuda, ao tempo que se facilita que as persoas interesadas en emprender poidan recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente.

O director xeral de Comercio e Consumo fixo tamén fincapé en medidas de formación para mellorar a capacitación dos comerciantes cara á dixitalización, modernización e innovación e na comisión parlmentaria referiuse á importancia que está a dar o Goberno galego aos mercados excelentes para que conserven a súa tradición con mellores estéticas, funcionais, de accesibilidade e ofrezan e dean a coñecer a calidade dos produtos agroalimentarios de Galicia. “Estes mercados excelentes tamén xogarán un papel importante no novo concepto de Centro Comercial Aberto, xa que será un atractivo máis e retroalimentarán a súa actividade”, incidiu.

En definitiva, Alén deixo clara a aposta do Goberno galego polo recoñecemento da importancia do sector comercial nas economías locais, da necesidade dunha transformación, apoio e impulso ao sector comercial e no compromiso da Xunta para escoitar ao sector e actuar con novas medidas estruturais e con ferramentas de apoio que permitan a súa adecuación ás novas realidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024