O Carné Xove da Xunta posibilita descontos do 90% nos abonos do equipo SD Compostela

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, inicia a rolda de contactos con entidades deportivas de Galicia para que se acollan a este programa

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

O carné Xove da Xunta de Galicia posibilitará un desconto do 90 % sobre o prezo orixinal do abono do equipo SD Compostela para a tempada 2024/25. Deste xeito, pagarán 10 euros no caso de renovación de abono e 15 euros no de novas altas.

Así se recolle na renovación do convenio de adhesión a este programa asinado hoxe entre a directora  xeral de Xuventude, Lara Meneses, e o xerente desta entidade deportiva, Miguel Fernández Álvaro. Nesta acordo, inclúese o agasallo da camiseta deste equipo a todas aquelas persoas titulares do Carné Xove que se fagan socias da SD Compostela.

Lara Meneses puxo en valor as “importantes vantaxes” que tamén outorga o Carné Xove no eido deportivo, ámbito que asegurou que o Goberno galego está fomentar entre a mocidade dentro da súa aposta por ofrecerlles unha oferta de lecer vencellada cos valores que representa o deporte.

Por este motivo, salientou a renovación do convenio de adhesión a este programa por parte da SD Compostela e que inxeriu dentro da rolda de contactos con outros clubs co obxecto de fomentar que se unan máis equipos deportivos as vantaxes que supón o Carné Xove.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024