O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe a 2ª edición do Encontro de organizacións e entidades empresariais de Galicia: Sinerxías 2024

A Xunta traballará en coordinación cos axentes sociais para facer fronte ao absentismo laboral e artellar posibles solucións

González apelou a manter sempre activo os procesos de escoita activa co tecido empresarial porque afirmou que a colaboración público-privada é a chave para seguir avanzando no progreso e crecemento de Galicia

Salientou a cooperación estreita con empresas e clústeres de Galicia para impartir formacións á carta e de curta duración para garantir a reciclaxe dos traballadores e dar saída ás vacantes de traballo 

A Xunta traballa na confección dunha estratexia para o emprendemento e segue a impulsar o Mapa de emprendemento virtual que xa conta con máis de 180 entidades

O conselleiro puxo en valor o Programa Retorna Cualifica Emprego e apuntou que se potenciará da man das empresas galegas para favorecer á volta a casa dos retornados galegos e primeira, segunda ou terceira xeración

Vigo, 12 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avanzou hoxe que a Xunta traballará en coordinación con todos os axentes sociais para facer fronte ao absentismo laboral e artellar posibles solucións. Na clausura da segunda edición do Encontro de organizacións e entidades empresariais de Galicia: Sinerxías 2024, que se celebrou en Vigo, González mostrou a súa preocupación por este problema estrutural en Galicia e sinalou a necesidade de abordalo para que as empresas poidan ser cada vez máis produtivas e competitivas. 

Así, apelou ao manter activo sempre os procesos de escoita activa con todos os axentes sociais e económicos para buscar solucións a este asunto e a outros para seguir facendo de Galicia unha terra próspera e de oportunidades. González, neste senso, avogou unha vez máis polo Diálogo Social e pola colaboración público-privada que na súa opinión, é chave para seguir avanzando no progreso e crecemento de Galicia. 

Outro dos asuntos que abordou na súa intervención foi a necesidade de dar cobertura ás 15.000 vacantes laborais que existen no mercado de traballo de Galicia e, ao respecto, lembrou a colaboración estreita que mantén a Xunta con empresas e principais clústeres e entidades empresariais galegas para a impartición de formacións de curta duración aos traballadores para garantir a súa reciclaxe e dar resposta ás neceidades de cada sector produtivo. González referiuse á importancia da flexibilidade na formación para o emprego para poder casar oferta con demanda. Nesta liña, comentou que son primordiais as unidades formativas nas empresas e seguir avanzando coa pioneira ferramenta Emi, que mediante intelixencia artificial conecta datos en tempo real nas oficinas de emprego. 

Pulo ao emprendemento

O conselleiro, así mesmo, referiuse ao impulso que a Xunta está a dar ao emprendemento, salientando que se está a deseñar unha estratexia neste ámbito. Así mesmo, puxo en valor o Mapa de emprendemento virtual que integrará todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia. É unha ferramenta que a día de hoxe conta con máis de 180 entidades adheridas e que ten como obxectivo coordinar e buscar sinerxías entre o público-privado. “Apostamos, sen dúbida, pola coordinación e especialización do ecosistema emprendedor”, recalcou. 

Para rematar, José González afirmou que a Xunta tamén seguirá promovendo o retorno dos galegos no exterior a través do Programa Retorna Cualifica Emprego, unha iniciativa que se potenciará da man das empresas galegas co obxectivo claro de favorecer á volta a Galicia dos retornados de primeira, segunda o terceira xeración. Neste senso, indicou que é clave acompasar as necesidades do tecido empresarial coas oportunidades de emprendemento e sinalou que con esta actuación se selecciona aos participantes no seu país de orixe para facilitarlles o proceso, ofrecendo en orixe traballos de calidade cos que retornar a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse. 

O titular de Emprego, Comercio e Emigración, en definitiva, apuntou que é importante seguir traballando da man do empresariado galego para continuar a crear actividade económica e emprego de calidade, vertebrando o territorio e garantindo, en definitiva, o crecemento de Galicia. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024