A Xunta reúne por primeira vez a expertos internacionais nunhas xornadas sobre o control e diagnóstico da rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR)

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participaron na inauguración do evento

Ao longo do día, diferentes expertos a nivel autonómico, nacional e europeo ofreceron información arredor das ferramentas regulamentarias e técnicas que se empregan para o seguimento e loita contra a enfermidade

Mañá continuarán as xornadas e poñerán o foco no programa oficial de control de Bélxica e o uso das vacinas nos plans de erradicación da IBR

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia reúne por primeira vez a expertos do ámbito internacional nunhas xornadas sobre a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) no Edificio Cinc da Cidade de Cultura. O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participaron na inauguración do evento.

Durante a súa intervención, Alemparte puxo de relevo estas xornadas, centradas en poñer a disposición do sector un completo monográfico sobre esta enfermidade para “compartir coñecemento e realidades”. Ademais, salientou o traballo levado a cabo pola Axencia nesta materia, con programas de investigación específicos que permitiron “mellorar o coñecemento e a distribución da enfermidade en Galicia e afondar nos seus métodos de diagnóstico”. 

Pola súa banda, Cerviño destacou a importancia da remuda xeracional no ámbito da veterinaria a prol da sanidade animal. Neste sentido, o director xeral engadiu que “os profesionais do sector temos que mostrar á xente nova que existen saídas no campo, tamén como veterinarios de grandes animais”. 

O doutor en Veterinaria e responsable do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo, Ignacio Arnaiz, presentou as xornadas e deu a coñecer o programa oficial da IBR en Galicia.  Elena Villacieros, xefa do servizo de epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, fixo o propio co programa español. 

En referencia ao panorama internacional, profesionais procedentes de Alemaña, Irlanda e Francia, achegaron características do control oficial da IBR nos seus respectivos países, como probas serolóxicas anuais e medidas obrigatorias en caso de brote. Salientáronse ferramentas regulamentarias e técnicas que se levan a cabo nas diferentes rexións para paliar o impacto da enfermidade.

Para finalizar a xornada deste mércores, celebráronse dúas mesas redondas. Unha sobre a situación do programa oficial de control da IBR en España, na que participaron tamén expertos do goberno cántabro e catalán, e outra sobre o diagnóstico laboratorial da IBR, que destacou por reunir a perspectiva nacional e internacional.

O evento continuará mañá poñendo o foco no programa oficial de control desta enfermidade en Bélxica. Antes de clausurar as xornadas, terán lugar tamén dúas mesas redondas, a primeira delas sobre a situación global da IBR en Europa e a outra, referente ao uso de vacinas de IBR nos plans de erradicación, á que asistirán diferentes empresas farmacéuticas. 

Con este foro internacional continúase a liña da xornada técnica sobre o programa nacional de prevención, control e erradicación da IBR que se levou a cabo o pasado ano no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito á Consellería do Medio Rural. Nesta ocasión, amplíase o enfoque ao panorama europeo, dotando de maior profundidade informativa o carácter das xornadas. 

A rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR)

A rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) é unha enfermidade infecto contaxiosa do gando vacún causada polo herpesvirus bovino tipo 1 (BoHV-1), caracterizada por producir infeccións latentes e distintos cadros clínicos segundo a vía de entrada do virus e prácticas de manexo ou cría. A enfermidade provoca un amplo rango de manifestacións clínicas e directamente, perdas económicas nas explotacións afectadas, así como limitacións ou restricións no comercio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024