A Xunta aplaude a decisión do Consejo Jacobeo de que os beneficios fiscais para as empresas que apoien o Xacobeo 2027 se amplíen a tres anos completos

A proposta foi impulsada polo Goberno galego e defendida hoxe polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na Comisión executiva desta entidade

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia aplaude a decisión tomada hoxe na Comisión Executiva do Consejo Jacobeo -o órgano dependente do Goberno central, a través do Ministerio de Cultura, para a promoción do Camiño de Santiago- polo que os beneficios fiscais para as empresas e entidades que apoien o Xacobeo 27 se amplíen a tres anos completos, como así o solicitara o Goberno galego. 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, defendeu hoxe esta proposta da Xunta para que o período de beneficios fiscais estea comprendido entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2027 fronte a previsión inicial do Goberno Central que establecía os prazos desde outubro de 2025 a setembro de 2027.

Neste encontro preparatorio para o Xacobeo 2027 debatíase, entre outros temas, solicitar aos organismos competentes a declaración como acontecemento excepcional de interese público aos efectos da aplicación de beneficios fiscais para o Ano Santo Xacobeo 2027, sendo aceptada a iniciativa galega que será agora elevada a pleno do Consejo Jacobeo que se celebrará o vindeiro día 26 de xuño.

Ademais, tamén se aceptou a petición de Galicia levar a pleno a creación dun grupo de traballo no Consejo Jacobeo que analice e desenvolva propostas para a coordinación de actuacións entre a Administración do Estado e as Comunidades para a mellora da rede de itinerarios xacobeos con especial atención aos puntos negros por cruces con vías de alta capacidade. Tamén se pretende o desenvolvemento de programas conxuntos para a mellora dos itinerarios, desenvolvemento dos plans de seguridade no Camiño e comezar a levar a cabo modelos de xestión sustentables coordinados entre a Administración do Estado e as Comunidades. A intención é que ofreza un modelo de atención ao peregrino similar nos diferentes territorios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024