O delegado territorial supervisou esta mañá as obras de sondaxe para captación de augas subterráneas en Caldeliñas no concello de Verín

Manuel Pardo destaca o compromiso da Xunta co termalismo no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e Cascos Históricos

O delegado territorial destacou que esta actuación, incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en ‘Ourense Termal’, execútase grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo, e a Deputación de Ourense

O Plan permitirá investir máis de 3 M€ nos quince municipios rurais termais da provincia (A Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín)

O representante do Goberno galego subliñou que “dende a Xunta puxemos como unha das nosas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, cunha xestión turística máis sustentable”

Manuel Pardo tamén lembrou que a Xunta de Galicia vén de crear a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito

Ourense, 12 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá as obras de sondaxe para captación de augas subterráneas en Caldeliñas no municipio de Verín para a consecución da declaración de auga mineromedicinal ou termal.

O delegado territorial, acompañado do presidente do Inorde, Rosendo Fernández,  do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e do subdelegado do Goberno, Eladio Santos, explicou que esta obra estase a desenvolver co obxecto de alumear augas susceptibles de ser posteriormente declaradas na condición mineiro-medicinal de uso terapéutico, e para poder recuperar o uso histórico das mesmas que no seu día deron servizo á casa de baños de Caldeliñas; hoxe propiedade do Concello de Verín e sen actividade desde hai décadas.

Esta actuación –destacou Manuel Pardo-  incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en ‘Ourense Termal’ execútase grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo, e a Deputación de Ourense, que permitirá investir máis de 3 millóns de euros nos quince municipios rurais termais da provincia (A Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín)

O delegado territorial amosou o compromiso do Goberno galego co termalismo, co Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos que pivotará arredor do desenvolvemento do termalismo galego como un elemento diferencial da oferta turística galega que permita o desenvolvemento de zonas rurais e de destinos urbanos a través dunha oferta turística única e de calidade.

E engadiu que “dende a Xunta puxemos como unha das nosas liñas primordiais de actuación as augas termais, impulsando o termalismo como elemento dinamizador socioeconómico do territorio, cunha xestión turística máis sustentable”.

Deste xeito, destacou Manuel Pardo, “a nosa terra está considerada como un dos principais destinos termais de España e tamén no eido internacional, xa que é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, con máis de 300, algunhas das cales deron lugar aos 21 balnearios dos que podemos desfrutar”.

O representante do Goberno galego tamén lembrou que a Xunta de Galicia vén de crear a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito. Deste xeito –recalcou o delegado territorial-  “Estamos a traballar na elaboración dun mapa de termalismo coa implicación de diferentes axentes clave e que esta cuestión vai ser unha das se inclúan na Estratexia Galega de Turismo 2024-2030”.

Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e Cascos Históricos

O Goberno galego aprobou o ano pasado para desenvolver durante este 2024 con 23 millóns de euros de Fondos Next Generation o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e Cascos Históricos.

Este Plan Territorial engloba oito estratexias que se van aplicar en medio cento de concellos así como outras medidas para o impulso do termalismo e cascos históricos, como liñas de axuda, entre outras accións. O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística, Vilas Termais e Cascos Históricos deseñado por Turismo de Galicia con fondos europeos Next Generation para impulsar de xeito especial o turismo termal e histórico-cultural sostible durante este 2024 e ata 2026 inclúe a posta en marcha de oito plans de sustentabilidade en destino e que, no seu conxunto beneficiarán ao redor de medio cento de concellos.

Inclúese coa Deputación de Ourense, así como do centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago; e os do centro histórico de Betanzos, da vila de Bouzas (en Vigo), o de Tui, Allariz destino sostible e Ribeira Sacra. O Plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e o concellos, a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano.

Este Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos é o terceiro que a Xunta de Galicia pon en marcha cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo, tras o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral (2022-2024) e o de Enogastronomía (2023-2025). Neste contexto, a Xunta de Galicia deseñou tres plans territoriais para o período 2022-2026; Litoral, aprobado no ano 2021 e con execución dos anos 2022 ao 2024;  Enogastronomía, aprobado no ano 2022, e con prazo de execución nos anos 2023 e 2025; e o de Vilas Termais e Cascos Históricos, aprobado en 2023, e con prazo de execución nos anos 2024 e 2026.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024