A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia

A Xunta avanza o remate este outono das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, cun investimento de 3,4M€

Martínez Allegue explica que estas actuacións se enmarcan na mellora integral da LU-651, no tramo de 12 km entre Folgoso e Seoane do Courel, cun orzamento global de 9,6 M€

Sinala que esta 1º fase, entre Ferrería Vella e Seoane, avanzou garantindo o percorrido do transporte escolar, polo que os traballos de maior afección e que requiren un corte total da estrada se van executar a partir do remate do curso

Posteriormente, levaranse a cabo os traballos de pavimentación e sinalización, pero xa compatibles co tráfico, prevendo o remate total desta 1ª fase en outono

De xeito paralelo a Xunta avanza na redacción do proxecto da 2ª fase de acondicionamento desta estrada, entre Folgoso e Ferrería, cun investimento que superará os 6 M€

Indica que para restitución definitiva do treito afundido nesta mesma estrada, polo colapso da mina da Campa, a Xunta redactou un proxecto cun investimento de 5,2M€ e que agora está en proceso de revisión das alegacións presentadas na información pública

Subliña que o Goberno galego continúa a vertebrar o territorio galego, facendo especial fincapé na mellora da accesibilidade do rural

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A Xunta avanza o remate este outono das obras de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, cun investimento de 3,4M€.

Así o subliñou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, no Pleno do Parlamento de Galicia.

Explicou que estas actuacións se enmarcan na mellora integral que impulsa o Goberno galego na estrada LU-651 (Quiroga-Seoane) no tramo de 12 km entre a saída de Folgoso e Seoane do Courel, cun orzamento global de 9,6 M€.

Neste sentido, sinalou que a primeira fase, entre Ferrería Vella e Seoane, está avanzando baixo a premisa da seguridade e minimizando ao máximo a afección ao usuarios, especialmente ao transporte escolar.

Concretou que, salvo un corte programado o pasado 19 de abril,  e tres días de maio nos que se tivo que interromper o tráfico por un desprendemento de terras, o transporte escolar mantivo o seu percorrido habitual, sen alteracións nin en horario nin en ruta durante os últimos dous cursos completos.

Puntualizou que este esforzo tivo como consecuencia a ralentización das obras, pero permitiu manter o servizo que transcorre por un treito de obra sinalado e regulado por sinalización semafórica en réxime de paso alternativo, seguro tanto para os usuarios como para o transporte escolar.

Indicou que a partir do remate do curso se van executar os traballos de maior afección, que requiren o corte total da estrada, co obxectivo de restablecer o tráfico cando comece o período lectivo. Posteriormente, levaranse a cabo os traballos de pavimentación e sinalización, pero xa compatibles co tráfico, prevendo o remate total desta 1ª fase en outono.

Destacou que de xeito paralelo a Xunta avanza na redacción do proxecto da 2ª fase de acondicionamento desta estrada, entre a saída de Folgoso e a saída da travesía que atravesa o núcleo de Ferrería, cun investimento que superará os 6 M€.

Restitución do treito afundido

Por outra parte, a conselleira lembrou que nesta mesma estradas, con motivo do afundimento provocado polo colapso da mina A Campa, habilitouse de forma inmediata un desvío provisional.

Recordou que ao mesmo tempo se redactou un complexo proxecto para restitución definitiva do treito afundido de estrada, por tratarse dun terreo que require un completo estudo xeotécnico, e por tratarse dunha zona próxima á Rede Natura 2000.

Para este proxecto estudáronse ata 5 alternativas de trazado para valorar a máis adecuada, sendo a escollida polos técnicos a  correspondente cunha variante de trazado a media ladeira, previa restitución da ladeira colapsada, que se someteu a información pública en febreiro cun investimento de 5,2M€ e que agora está en proceso de revisión das alegacións presentadas.

Ademais, a Xunta ten incoado o correspondente expediente para reclamar os danos aos responsables do colapso da mina.

Concluíu que o Goberno galego está a vertebrar todo o territorio galego, facendo especial fincapé na mellora da accesibilidade do rural, con investimentos e actuacións para o mantemento das vías e o reforzo da seguridade dos usuarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024