A Xunta avoga na Coruña pola Responsabilidade Social Empresarial para construír unha Galicia máis competitiva e integradora

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández interveu hoxe na inauguración das Xornadas Corresponsables A evolución e tendencias da sustentabilidade e a comunicación responsable 

Sinalou que para o Goberno galego nun contexto de transformación o compromiso social ou a igualdade se sitúan no primeiro plano 

A Xunta destina máis de 720.000 euros á  promoción das relacións laborais e ao fomento e promoción da RSE

A Coruña, 12 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, interveu hoxe na inauguración das Xornadas Corresponsables A evolución e tendencias da sustentabilidade e a comunicación responsable nas que se presentou a 19ª edición do Anuario Corresponsables. Fernández avogou por unha Galicia con empresas “máis competitivas e integradoras”, con capacidade de responder e adaptarse aos retos globais en materia social e ambiental “sen deixar a ninguén atrás”. 

“Continuaremos visibilizando a relevancia da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e impulsando comportamentos responsables na propia administración”, engadiu. 

Neste senso, lembrou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a destinar máis de 720.000 euros á promoción das relacións laborais e ao fomento e promoción da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con accións concretas como o Programa Responsabilízate  –que xa vai pola súa cuarta edición–.

A Xunta está a reforzar o seu compromiso de apoio ao tecido empresarial, impulsando a súa competitividade nun contexto de transformación no que o compromiso social, a igualdade e o respecto ao medio ambiente pasan a un primeiro plano, tal e como comentou.

En palabras do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, un dos principais retos da Xunta é acadar unha Galicia que goce de emprego de calidade, cun mercado laboral dinámico e inclusivo e un crecemento económico intelixente, en todos os ámbitos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024