A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo participa na inauguración dos Galicia Biodays 2024 e modera unha mesa redonda sobre o impacto das estratexias de biotecnoloxía nas rexións

A Xunta confirma que Galicia está preparada para aproveitar as novas oportunidades que se abren para o sector biotecnolóxico

A Comisión Europea acaba de recoñecer o papel crucial da biotecnoloxía na competitividade, a seguridade e a resiliencia da UE

Galicia leva apostando polo sector desde hai case unha década a través de sendas estratexias de impulso e consolidación, que teñen contribuído a conformar un novo sector económico para situar á nosa Comunidade como referente nesta materia

Vigo, 12 de xuño de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, interviu esta mañá na inauguración dos Galicia Biodays 2024, o foro de referencia da industria biotecnolóxica para o Espazo Atlántico Europeo, organizado polo clúster Bioga en colaboración coa Xunta de Galicia. A continuación, moderou unha mesa redonda sobre o impacto das estratexias biotecnolóxicas nas rexións.

Na súa intervención de apertura, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP expuxo que nos atopamos nun momento único para a biotecnoloxía en Europa, xa que a Comisión Europea acaba de recoñecer o seu papel crucial na competitividade, a seguridade e a resiliencia da Unión Europea e afirmou que Galicia está preparada para aproveitar estas novas oportunidades que se lle abren e facelo a gran velocidade desde o primeiro momento. Carmen Cotelo agradeceu a Bioga a organización deste foro que contribúe á reflexión e ao debate e proxecta a biotecnoloxía galega máis aló das nosas fronteiras.

De feito, Galicia leva apostando polo sector desde hai case unha década, primeiro a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía para o periodo 2016-2020, que conseguiu mobilizar 262 millóns de euros concentrando os esforzos en promover a investigación, a transferencia de tecnoloxía e a creación de novas empresas e contribuiu a conformar un novo sector económico. E, actualmente, coa Estratexia de Consolidación do sector que pretende situar á biorexión nunha posición de liderado nesta tecnoloxía, dotada cun orzamento de 622 millóns de euros ata 2025.

A directora de Gain informou de que Galicia avanza pola boa senda e que xa leva mobilizado máis investimento nos primeiros tres anos da estratexia de consolidación que en todo o quinquenio anterior e que pasou de contar cun único clúster aos seis clústeres actuais e un Hub de innovación dixital europeo. Ademais, apuntou que a biotecnoloxía é un motor clave da economía galega, que realiza o 17 % do gasto en I+D da nosa Comunidade e que impulsa o talento, con máis de 1200 persoas investigadoras en empresas e organismos de coñecemento.

Cotelo tamén recoñeceu o bo facer das empresas do sector que están a realizar fortes investimentos e dinamizar así a todos os axentes do ecosistema. Por todo isto, a directora da Axencia confirmou o compromiso da Xunta no impulso á colaboración entre o tecido produtivo e os centros de coñecemento, á transferencia de coñecemento, ao investimento produtivo das empresas consolidadas e ao emprendemento biotecnolóxico.

Impacto das estratexias de biotecnoloxía nas rexións

A continuación, a directora de Gain exerceu de moderadora nunha mesa redonda centrada no impacto das estratexias biotecnolóxicas nas rexións coa participación de dous expertos internacionais na materia : Giuseppina Luvara, en representación da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea, e Christian Suojanen, fundador e CEO de Broadreach Global, compañía do sector da biosaúde e asesor en temas de innovación. No panel abordáronse as políticas e tendencias actuais que poden contribuír a impulsar as biorrexións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024