O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou un convenio de colaboración coa alcaldesa, María Ramallo

O centro de día da Xunta en Marín acollerá alumnado dun obradoiro de emprego do concello

Farán prácticas non laborais para completar a súa formación na especialidade de atención sociosanitaria

Marín (Pontevedra), 12 de xuño de 2024

O centro de día para persoas maiores da Xunta de Galicia en Marín acollerá a alumnado da especialidade de Atención sociosanitaria do obradoiro de emprego que organiza o concello pontevedrés. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa, María Ramallo, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a realización de actividades de formación e aprendizaxe nas instalacións do ente autonómico.

Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio ten asinados con outros concellos acordos como o subscrito esta mañá con Marín que permiten aos alumnos ampliar os seus coñecementos e desenvolver as súas primeiras experiencias laborais nun centro de maiores. Ademais, coa vantaxe de que poden facelo preto do lugar no que residen, sen necesidade de desprazarse longas distancias.

Durante o tempo que duren as prácticas non laborais os alumnos ocuparanse de planificar tarefas para actividades de apoio ao usuarios do centro de día, realizarán intervencións de carácter psico-social baixo a orientación técnica dos profesionais do centro e levarán a cabo actividades relacionadas coa súa integración na comunidade, entre outros labores propias do funcionamento diario do centro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024