A Xunta fomenta as permutas de especial interese agrario con axudas para o pago de gastos notariais

 O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario para o 2024

As persoas que acrediten a disposición de dita permuta poden optar a esta achega, cuxa convocatoria conta cun orzamento de 50.000 euros

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se convocan para o ano 2024. A convocatoria conta cun orzamento de 50.000 euros.

Os interesados en solicitar esta achega teñen ata o día 15 de novembro para presentar a súa petición e só teñen que acreditar, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o especial interese agrario da permuta.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas que presenten unha identificación do acto administrativo polo que se declara a permuta de especial interese agrario, un certificado ou nota simple da inscrición da permuta que se trata ou dos predios inmatriculados, as facturas notariais e do rexistro da propiedade relativas á permuta e o xustificante do seu pago bancario.

As permutas son unha das ferramentas coas que conta a Xunta para a mobilización de terra agraria e así evitar o seu abandono. A través da Lei de recuperación de terra agraria, o Goberno autonómico quere intensificar a súa mobilización e para iso conta con recursos como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas, entre outros.

Neste caso, as permutas de especial interese agrario son un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas. Para incentivar o seu uso, a Consellería do Medio Rural dispón destas axudas que permiten o reembolso dos gastos notariais e de inmatriculación que orixinen.

Ligazón á web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coa información: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/permutas/

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240611/AnuncioO90-310524-0001_gl.html.

 

Data de actualización: 12/06/2024