Alfonso Villares anima a consumir peixe polos seus beneficios á saúde e o impulso que xera na actividade do sector marítimo-pesqueiro

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 11 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a Praza de Abastos de Vilanova de Arousa para visitar as peixerías alí presentes e destacar xunto aos profesionais que se encargan da venda de peixes e mariscos a importancia do seu consumo tanto polos beneficios para a saúde que aporta como polo positivo impacto que se xera no sector marítimo-pesqueiro galego. Nesta liña reivindicou a dieta atlántica como sinónimo de benestar e calidade de vida na que os produtos pesqueiros son os auténticos protagonistas á vez que puxo en valor a calidade e sabor que hai detrás dos produtos do mar de Galicia, enxalzando o modelo da pesca artesanal e de proximidade como fórmula sostible e respectuosa cos recursos mariños.

O responsable autonómico, acompañado polo rexedor local, Gonzalo Durán, animou á cidadanía a consumir máis peixe e marisco das rías galegas e louvou o importante papel dos profesionais responsables de rexentar estes establecementos no ámbito da promoción e difusión das calidades destes alimentos grazas á relación directa e de confianza que manteñen cos consumidores. Tamén recordou que desde a Consellería do Mar se mantén activa a campaña AMAR GALICIA co obxectivo de difundir a calidade dos produtos do mar, a variedade e o sabor único que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/06/2024