O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude anuncia a incoación deste expediente en resposta no Pazo do Hórreo a unha pregunta

A Xunta iniciará nas vindeiras semanas o procedemento para declarar BIC a Rapa das Bestas de Sabucedo

Considera que “é de xustiza” recoñecer o valor e interese sobranceiro desta manifestación cultural considerada de valor etnolóxico senlleiro

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego ten previsto incoar a Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural (BIC) de carácter inmaterial antes da súa próxima edición, a primeira semana do mes de xullo. Fíxoo en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia, onde considerou “de xustiza” recoñecer o” valor e interese sobranceiro” desta manifestación cultural considerada de valor etnolóxico “senlleiro”, que se celebra no municipio pontevedrés da Estrada.

López Campos lembrou que a Rapa das Bestas de Sabucedo xa é considerada de Interese Turístico Nacional e tamén Internacional e defendeu que reúne “todos os condicionantes” para formar parte do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, xa que explicou que xoga un papel importante na identidade colectiva e que se trata dunha manifestación que está a ser preservada de xeito tradicional por unha comunidade, á vez que salientou que forma parte da “súa memoria colectiva”.

Deste xeito, considerou xustificado iniciar así o procedemento para a súa declaración ao ser “sobranceira” e “sinónimo de tradición que segue viva”, á vez que “patrimonio común”.

O representante autonómico de Cultura, Lingua e Xuventude tamén puxo en valor que esta manifestación cultural inclúe a tradición da gandería extensiva e de manter os cabalos ceibos no monte e todos os elementos, traballos e actos que son necesarios para xuntar estes animais; baixalos ata aldea; e encerralos no curro para logo ceibalos de novo, concluídos e realizados todos os pasos da rapa.

Apertura dun período de información pública

Na súa resposta, López Campos avanzou que unha vez publicada a incoación no Diario Oficial de Galicia, suporá a salvagarda inmediata desta manifestación e apertura dun período de información pública.

Neste senso, precisou que o expediente conterá os informes técnicos necesarios, elaborados desde as disciplinas científicas aplicables á natureza do ben, “que xustifiquen a súa relevancia e valor cultural destacado”. De igual xeito, apuntou que para proceder á declaración de Ben de Interese Cultural será necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro. Finalmente, indicou que corresponde, por último, ao Consello da Xunta, acordar mediante decreto, a declaración de interese cultural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024