O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración clausurou o Foro Sabadell Professional

José González enxalza o labor dos colexios profesionais a prol da formación e do emprego de calidade en Galicia

Puxo en valor a aposta da Xunta neste eido a través do Plan Galego de Formación para o Emprego 2024, dotado cun orzamento de máis de 117 millóns de euros e defendeu a colaboración entre as Administracións e os colexios profesionais neste ámbito

Apelou a seguir traballado da man da innovación para facer fronte a desafíos como o da cobertura das vacantes laborais

Puxo como exemplos desta aposta a ferramenta tecnolóxica EMi que conecta oferta e demanda en tempo real con intelixencia artificial e que está dispoñible en todas as oficinas de emprego galegas e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para captar e reter talento no sector TIC da comunidade

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor a contribución dos colexios profesionais á formación e ao emprego de calidade e o seu papel como axentes fundamentais no desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Así o sinalou hoxe en Santiago de Compostela na clausura do Foro Sabadell Professional, organizado por Banco Sabadell.

Alí tamén destacou o apoio do Goberno galego a estas entidades en materia de formación para o emprego e fixo fincapé na aposta da Xunta neste eido a través do Plan Galego de Formación para o Emprego 2024, dotado cun orzamento de máis de 117 millóns de euros. 

Ademais defendeu a importancia da colaboración entre as administracións e os colexios profesionais neste ámbito na procura do progreso e do crecemento para Galicia. Unha comunidade que evoluciona, tal e como reflicten os datos de paro do mes de maio, por baixo das 123.000 persoas. Trátase de cifras históricas á baixa desde que hai rexistros (1996) e que teñen aos profesionais e aos distintos sectores como os principais protagonistas, manifestou o conselleiro.

A innovación como aliada

Para seguir afrontando desafíos como o das arredor de 15.000 vacantes laborais existentes en Galicia, o responsable da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apelou a seguir traballando da man da innovación como aliada.

Como exemplo deste compromiso da Xunta puxo a ferramenta tecnolóxica EMi, que conecta oferta e demanda en tempo real con intelixencia artificial e que está dispoñible en todas as oficinas de emprego galegas. Esta medida é pioneira no país e consiste nun software que permite un mellor perfilado competencial que contribúe a aumentar a empregabilidade e a detectar as contornas con mellores oportunidades para cada perfil profesional.

Neste ámbito, o conselleiro tamén salientou o papel do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para captar e reter talento no sector TIC da comunidade. A través deste centro hai programadas para este curso máis de 200 accións sobre as temáticas máis demandadas -como a ciberseguridade, os servizos na nube e a intelixencia artificial-. Delas poden beneficiarse, tanto a persoas traballadoras do sector TIC galego, como a persoas desempregadas interesadas en incorporarse a el.

Outra mostra desta aposta á que se referiu José González é a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial na que traballa a Xunta e que a converterá na primeira comunidade en ter unha lei propia que regule esta cuestión. Deste xeito, puntualizou, desde o Goberno galego “buscamos aproveitar ao máximo os beneficios da tecnoloxía para impulsar a competitividade das empresas e camiñar ao ritmo que nos marca a actualidade”.

Finalmente, o titular de Emprego, Comercio e Emigración defendeu a importancia de que as administracións e os axentes socioeconómicos traballen unidos para acadar unha formación flexible, adaptada, de calidade e tamén de curta duración co obxectivo de facilitar a reciclaxe e capacitación das persoas traballadoras e dar resposta ás necesidades de cada área económica do tecido produtivo.

Nesta liña, recoñeceu o papel dos colexios profesionais, xa que engrandecen a puxanza dos sectores económicos e defenden os intereses profesionais das persoas colexiadas e das consumidoras e usuarias dos servizos que prestan. En particular, felicitou aos colexios profesionais distinguidos no foro pola súa traxectoria de traballo de máis de 20 anos xunto co Banco Sabadell e a prol das distintas profesións en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024