O director do Instituto de Estudos do Territorio reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta salienta o compromiso do concello de Beariz coa protección da paisaxe e o ‘fermosismo’

O Concello recibiu dúas subvencións en 2023 ao abeiro da convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, que se destinaron á mellora dun depósito de auga e dun muro de peche perimetral na travesía de San Pedro

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia salienta o compromiso do Concello de Beariz coa protección da paisaxe e o fermosismo, tal e como lle trasladou o director do Instituto de Estados do Territorio (IET), Enrique de Salvador, co alcalde da localidade, Manuel Prado.

No encontro avaliaron as obras que o Concello levou a cabo ao abeiro da convocatoria de axudas do ano 2023 para a corrección de impactos paisaxísticos. En concreto, recibiu dúas subvencións, por un importe total de 14.200 euros, que se destinaron á mellora dun depósito de auga e dun muro de peche perimetral na travesía de San Pedro.

Nesa liña, o rexedor trasladoulle ao director do IET o interese municipal por continuar con estes traballos a prol da mellora paisaxística do concello. De feito, comunicoulle que xa ten previstas dúas novas actuacións, cun orzamento inicial estimado de 23.500 euros: unha na fonte da Figueira, na Bouza, e outra na fonte-lavadoiro da Cavada, en Doade.

A maiores, no encontro Enrique de Salvador puxo en valor o proxecto do Concello para inventariar os muíños que hai no termo municipal e proceder á súa restauración como elementos fundamentais do patrimonio etnográfico da contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024