A conselleira do Medio Rural anunciou esta medida no Parlamento, nunha comparecencia a petición propia para explicar as liñas xerais do seu departamento

A Xunta porá en marcha un novidoso Plan de Formación, asesoramento e titorización para o agro, co fin de afianzar o seu futuro e favorecer a remuda xeracional

María José Gómez trasladou que esta iniciativa irá dirixida a varios colectivos: aos mozos que reciben axudas ou que se están formando para ampliar a súa conexión coa realidade laboral; ás persoas de nova incorporación e aos profesionais en activo

Enmarcou este plan no eixo a prol dun rural con futuro, que constituirá un dos tres piares do seu traballo á fronte de Medio Rural, xunto co rural produtivo e coidado, por un lado, e o rural como sinónimo de calidade e de innovación, por outro

Avanzou que o novo Mapa de Usos Agroforestais de Galicia aprobarase neste mesmo ano, no que tamén se activará o Banco de explotacións e se presentará o anteproxecto de Lei de montes veciñais en man común, entre outras actuacións

Recordou a Lei de recuperación da terra agraria, o Banco de terras e as concentracións e reestruturacións parcelarias, e afirmou que coa suma de todos estes instrumentos estanse mobilizando máis de 100.000 hectáreas de terra

Anunciou a celebración de sete grandes feiras de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada en cada unha das cidades galegas e a creación dunha central de compras para axudar aos produtores na comercialización

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

A Xunta porá en marcha un novidoso e ambicioso Plan de formación, asesoramento e titorización para afianzar o futuro do rural galego e favorecer a remuda xeracional. Esta iniciativa irá dirixida a varios colectivos: mozos que reciben axudas ou que se están formando en materias relacionadas coa gandaría, a agricultura e o forestal para ampliar a súa conexión coa realidade laboral; ás persoas de nova incorporación e aos diferentes profesionais que xa traballan no agro, así como ao propio persoal das oficinas rurais. Así o avanzou esta mañá a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa comparecencia parlamentaria, a petición propia, para explicar as liñas xerais do seu departamento.

Sobre esta medida, Gómez trasladou que unha parte se artellará a través das oficinas rurais, apostando pola formación interna do seu persoal, como paso previo para que sexan eles os que logo transmitan os coñecementos ao sector. Tamén se buscarán sinerxías con outras consellerías, especialmente as de Educación e de Emprego, para ampliar ás opcións de formación práctica e a rede de potenciais traballadores para o campo, prestando especial atención a aqueles galegos retornados do exterior.

Todo isto complementarase, segundo a conselleira, coa activación do Banco de explotacións neste mesmo ano. Trátase de contribuír con este instrumento á remuda xeracional, á sustentabilidade (fomentando a recuperación de propiedades que, na maior parte dos casos, quedarían en desuso e abandonadas) e tamén como ferramenta de desconcentración e diversificación económica. Isto último permite o asentamento de futuros produtores, ou de produtores actuais que necesiten  máis espazo, en zonas vinculadas, normalmente, a base territorial propia.

Tres piares do traballo da Consellería

A conselleira enmarcou esta novidosa medida no eixo a prol dun rural con futuro, que constitúe, tal como subliñou, un dos tres piares do seu traballo á fronte de Medio Rural. Os outros dous son o traballo por un rural produtivo e coidado, por un lado, e o por un rural como sinónimo de calidade e de innovación, por outro.

Tamén en relación co piar do rural con futuro, Gómez puxo de relevo datos como as solicitudes, neste ano, das axudas para a incorporación de mozos ao agro, que rexistraron un récord ao superar as 400, ou os máis de 170 candidatos de entre 41 e 55 anos que pediron apoio para incorporarse tamén ao agro, a través da nova liña de axudas.

No que atinxe ao labor por un rural produtivo e coidado, indicou que significa tamén traballar a prol do reto demográfico e por unha Galicia verde. Isto pasa por seguir impulsando o Plan Forestal, con iniciativas como o Inventario Forestal Continuo e -moi estreitamente vinculado a el- co novo Mapa de Usos Agroforestais de Galicia que, segundo adiantou a conselleira, aprobarase neste mesmo 2024.

Neste sentido, Gómez afirmou que este mapa ofrecerá unha foto exacta dos usos actuais dos diferentes terreos, o que servirá de base e referencia para planificar actuacións. Ademais, terá asociado o desenvolvemento dun visor web, dispoñible para o público xeral, de gran utilidade para a planificación e investigación a futuros. Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural destacou tamén o Plan estratéxico de fomento e xestión das masas de coníferas, que se está formulando, e a recentemente aprobada Estratexia para a xestión activa das masas de frondosas, entre outros instrumentos de planificación.

Neste marco, a conselleira avanzou ademais que neste mesmo ano a Xunta presentará o anteproxecto de lei de montes veciñais en man común e, tamén, que é vontade do Goberno levar canto antes á Cámara a Lei de loita integral contra os incendios forestais. A maiores, en materia de loita fronte o lume, Gómez anunciou que a partir do ano que vén crearanse 50 novas áreas cortalume, que abarcarán 5.000 hectáreas de superficie.

Axilizar os procesos abertos de mobilización de terras

En relación con outra norma xa en desenvolvemento -a de recuperación da terra-, a conselleira puxo en valor as súas ferramentas para mobilizar terra, tales como os polígonos agroforestais, lembrando que en breve sairán a concorrencia pública os de Cualedro e Oímbra (ambos na provincia de Ourense), as aldeas modelo ou as permutas.

Recordou tamén a importancia de instrumentos coma o Banco de terras ou as concentracións e reestruturacións parcelarias e avogou por seguir axilizando os procesos abertos e impulsándoos cun claro enfoque de utilidade. Así, tal e como trasladou, coa suma de todos estes instrumentos estanse mobilizando máis de 100.000 hectáreas de terra. “Por cada proceso que se peche, abriremos un novo”, manifestou.

Rural sinónimo de calidade e innovación

Sobre o segundo piar das liñas estratéxicas da Consellería, un rural sinónimo de calidade e innovación, María José Gómez reafirmou o apoio da Xunta ao bo facer dos produtores, a través de medidas como as diferentes axudas públicas ao sector, o respaldo ás razas autóctonas ou a aposta pola mellora xenética ou a sanidade animal e vexetal. En relación con este último aspecto, censurou a falta de dinamismo amosado polo Ministerio de Agricultura neste eido, en particular para facer fronte a doenzas como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, en contraste co labor realizado pola Xunta.

En parecidos termos, a conselleira destacou a próxima posta en marcha dun sistema de alertas sanitarias animais e vexetais baseado na intelixencia artificial e tamén a incorporación de melloras tecnolóxicas coma os denominados “valados virtuais”, que facilitan a xeolocalización e control remoto do gando. De feito, esta será unha das medidas subvencionables de cara ao 2025 ao abeiro das axudas para plans de mellora.

No ámbito específico do fomento e promoción da calidade alimentaria, Gómez avanzou que nesta lexislatura desenvolveranse dous órganos previstos na Lei da calidade alimentaria, como son o Consello Alimentario de Galicia e o Consello Galego da Artesanía Alimentaria e tamén o compromiso de celebrar sete grandes feiras de promoción en cada unha das cidades galegas, co fin de que os propios galegos sexan os mellores embaixadores do produto propio. Ademais, neste ámbito haberá unha liña de axudas específica para as agrupacións de produtores centrada na difusión e incentivo do consumo de denominacións de orixe protexida, indicacións xeográficas protexidas, producións ecolóxicas ou acollidos ao selo de artesanía alimentaria. E crearase, avanzou, unha central de compras, que xa está en fase piloto, para axudar aos produtores na comercialización.

Prezo do leite e lei da cadea

Na súa comparecencia, a conselleira falou tamén de asuntos de actualidade. Así, referiuse á súa recente petición á Federación de Industrias Lácteas para que non rebaixe o prezo do leite de cara aos próximos meses e que reduza, ao tempo, o diferencial que mantén o produto galego co doutras comunidades autónomas. Ademais, insistiu en esixir ao Ministerio de Agricultura que faga cumprir a Lei estatal da cadea alimentaria, para evitar prácticas que atentan contra a rendibilidade, o equilibrio e a transparencia.

E precisamente sobre as demandas trasladadas ao ministro Planas, baseadas -remarcou- en “peticións do propio sector galego”, Gómez lembrou a posición contraria de Galicia ao rexistro de galiñeiros de autoconsumo ou a reclamación dunha maior flexibilización do novo Plan Estratéxico da PAC (Pepac), contemplando as peculiaridades da cornixa cantábrica, e da adaptación dos ecorréximes para facelos viables na nosa comunidade. A conselleira valorou que o Goberno galego “cumpre”, como se demostra cos pagos da PAC xa que, de feito, a estas alturas do ano xa está mobilizado o 80% dos máis de 200 millóns de euros de fondos que recibe Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024