O prazo para optar ao financiamento para os Programas Integrados de Emprego ábrese mañá

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para os anos 2024 e 2025, coa previsión de que se beneficien unhas 4.600 persoas a través de entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigracion destina a esta actuación 10,3M€

Cada Programa Integrado de Emprego terá 100 participantes dos que un 35%, como mínimo, deben ser inseridos no mercado laboral durante a execución do proxecto

O Goberno galego quere potenciar -entre outros- proxectos que empreguen as novas tecnoloxías e que estean vencellados ao territorio, así como os proxectos innovadores que favorezan a conciliación para mellorar a ocupación dos galegos

Entre 2009 e 2023 máis de 55.000 persoas participaron nesta iniciativa á que a Xunta destinou máis de 100 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para financiar os Programas Integrados de Emprego. Invístense na convocatoria 2024-2025 un orzamento próximo aos 10,3 millóns de euros co que se prevé que se poñan en marcha uns 46 Programas Integrados de Emprego (PIE) por un período de 12 meses co obxecto de beneficiar unhas 4.600 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral. Do orzamento que se distribuirá entre este ano e o que vén, uns 4 millóns serán axudas para concellos e 6.268.000 euros para entidades sen ánimo de lucro.

O prazo para solicitar as axudas ábrese mañá e rematará o vindeiro 12 de xullo.

No caso das entidades locais, poderán solicitar os apoios concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello sempre que a titularidade corresponda integramente a este. Tamén agrupacións de municipios limítrofes ou dunha mesma comarca. Nesa liña, a Xunta primará os proxectos de xestión compartida co gallo de acadar unha maior eficacia no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego.

Así mesmo, na convocatoria primaranse os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén se valorará a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa.

Persoas beneficiarias

Cada Programa Integrado de Emprego estará formado por 100 persoas en paro, que deben constar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia e das que, como mínimo, deben ser inseridas no mercado laboral o 35% durante a execución do proxecto. O programa inclúe unha bolsa de 10 euros por día e demandante pola asistencia á formación.

Como en anteriores convocatorias, a Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos PIE as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

Nese senso, cómpre sinalar que se reservan 2 millóns de euros do total da convocatoria para financiar programas dirixidos en exclusiva a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica que lles permita a súa incorporación no mercado laboral.

Como son os PIE

Os Programas Integrados de Emprego deben ter por obxecto o desenvolvemento de proxectos integrais que combinen accións de diversa natureza como información, orientación e asesoramento, formación para o emprego nas especialidades do Catálogo de Especialidades do Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE), técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

En concreto, a Xunta subvenciona os custos salariais e de Seguridade Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa (tanto persoal propio da entidade como o que contrate especificamente para a execución do programa) así como as axudas de custo e desprazamento dese persoal, as bolsas de asistencia ás persoas participantes no programa, os gastos de subcontratación da formación, os gastos xerais, materiais e técnicos, o da persoa auditora e o de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación con límites establecidos na orde. 

Cómpre destacar que entre os anos 2009 e 2023 máis de 55.000 persoas participaron en Programas Integrados de Emprego, nos que a Xunta investiu máis de 100 millóns de euros.

Data de actualización: 11/06/2024