Valentín García agradece o compromiso de Coca-Cola para promover o uso da lingua
O secretario xeral da Lingua entrega o premio autonómico a Teresa Hang Rigueiro do colexio San José de Lugo
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou a importancia de accións como esta que poñen de manifesto “a relevancia do uso da lingua galega entre a mocidade”
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega de premios da 15ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto de Galicia onde destacou a importancia de impulsar iniciativas como esta que promoven o uso da lingua, nomeadamente entre a mocidade.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude foi o encargado de dar o premio a Teresa Hang Rigueiro Veloso, alumna do colexio San José de Lugo, gañadora na fase autonómica. Na entrega, Valentín García sinalou que é un orgullo formar parte dun certame que recoñece “a mocidade que escribe e fala en galego” e puxo en valor a calidade dos traballos recoñecidos. “Certames como este supoñen unha garantía de que o galego ten futuro e que será brillante”, engadiu.
O Concurso Coca-Cola Novos Talentos do Relato Curto de Galicia está promovido por Coca-Cola co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a escritura creativa entre a mocidade. Como premio, a gañadora da edición autonómica deste ano viaxará coa súa mestra a Madrid para participar, cos outros galardoados, nos talleres de escritura creativa.
No certame tamén resultaron vencedores Daniela Pedrosa Martínez, do colexio Nosa Señora do Rosario de Arzúa, na Coruña; Iria Puentes López, do instituto As Lagoas de Ourense e Hugo Acosta Fernández, do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior, en Pontevedra.