Rueda anuncia que a Xunta aproba a Estratexia Galega de Solo Residencial para a construción de 20.000 vivendas protexidas

Salienta que esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego por ampliar a oferta de inmobles co compromiso de “dobrar o parque residencial público nesta lexislatura”

Resalta que se destinarán máis de 43 M€ para levar a cabo a primeira fase desta Estratexia na que terá lugar a adquisición de solo e a redacción de proxectos de urbanización

O obxectivo é planificar o desenvolvemento de solo residencial para a construción de vivenda protexida e ata 5.000 inmobles libres

Prestarase especial atención á promoción da vivenda destinada á xente moza, buscando as características que se adapten ás súas necesidades

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión semanal a Estratexia Galega de Solo Residencial para “impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 libres”.

Unha iniciativa que se enmarca na aposta do Goberno autonómico de ampliar a oferta de vivenda na comunidade co compromiso de “dobrar o parque residencial público nesta lexislatura, para pasar das 4.000 actuais a 8.000 vivendas”, salientou Rueda, quen lembrou que a Xunta vai poñer en marcha a construción de “400 novos inmobles” nos primeiros 100 días de Goberno.

A nova estratexia, segundo apuntou o presidente, suporá destinar na primeira fase un investimento total de “máis de 43,2 millóns de euros” para “a adquisición de solo e redacción de proxectos de urbanización”.

A programación desenvolverase en dúas fases. Na primeira, entre 2025 e 2028, abordarase a planificación, a adquisición de solo, a redacción de proxectos e os acordos con concellos. Posteriormente, en canto estea xa avanzada esta primeira etapa arrancará a segunda, relativa á execución das obras de urbanización, a comercialización das parcelas e á execución das edificacións.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, indicou que “a previsión é acadar 3,3 millóns de metros cadrados de solo” e destacou que o chan urbanizado se destinará á construción de vivenda de promoción pública, que levará a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, e de promoción autonómica, que abordarán promotores e cooperativas.

Para as 20.000 vivendas protexidas recollidas na Estratexia, estímase unha distribución territorial de 4.320 vivendas na área urbana da Coruña; 1.600 nas de Lugo e de Ourense, respectivamente; 1.760 na de Pontevedra; 7.360 na área urbana de Vigo; 2.000 na de Santiago; 960 na de Ferrol e 400 en Vilagarcía de Arousa. Tal e como apuntou a conselleira, estas sete grandes cidades, xunto coa comarca do Salnés foron os lugares “onde máis demanda rexistrou o estudo urbanístico realizado”.

Hai que destacar que deste total de vivendas, parte xa está en fase de desenvolvemento, de xeito que 3.452 xa están planificadas nas áreas urbanas da Coruña (500); Lugo (370); Vigo (1.600) e Ferrol (982), mentres que as restantes 21.548 se planificaran no marco da posta en marcha da estratexia.

Desenvolvemento das fases

Na etapa de planificación da primeira fase, será o Instituto Galego de Vivenda e Solo o que delimitará ámbitos de actuación con destino maioritario á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública naquelas localidades en que estea acreditada unha forte demanda a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade e establecerá unha planificación dos solos que van desenvolver as localidades, que están centrados nas grandes cidades.

Para a determinación das áreas onde é necesario acometer de forma urxente estas actuacións utilizarase o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e os criterios e obxectivos xerais das directrices de ordenación do territorio que identifican as rexións e áreas urbanas. Terase en conta a idoneidade das zonas de actuación respecto da súa situación na cidade e as prescricións do plan xeral para cada sector. Ademais, nesta fase de planificación, prestarase especial atención á promoción da vivenda destinada á xente moza, buscando as características que se adapten ás súas necesidades.

Os concellos poderán participar no impulso e desenvolvemento destas actuacións achegando unha parte dos fondos necesarios para a súa execución e obtendo o solo que proporcionalmente lles corresponda con base na súa achega.

Os seguintes pasos da primeira fase serán a “redacción e tramitación”, por parte do IGVS, dos proxectos de interese autonómico, que serán aprobados polo Consello da Xunta, e a posterior adquisición do solo do ámbito.

Para a segunda fase da Estratexia quedará a tramitación dos proxectos de urbanización, que serán autorizados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da audiencia aos concellos afectados, e a posterior licitación das obras de urbanización.

Unha vez iniciadas estas, realizarase, tal e como apuntou Martínez Allegue, o correspondente “concurso público de adxudicación de solo”, ao que poderán concorrer os promotores e cooperativas para a construción de vivendas de protección autonómica de réxime especial, xeral ou concertado, e no que as ofertas se poderán presentar para adxudicación de solo en compra ou en dereito de superficie. O solo para vivenda libre tamén se ofertará en concurso público por un prezo fixado conforme unha taxación realizada con base en prezos de mercado.

As promotoras adxudicatarias deberán realizar as obras de edificación nun prazo máximo de tres anos, mentres que o IGVS iniciará en tres anos desde o remate das obras de urbanización á construción das vivendas de promoción pública nas parcelas reservadas para ese fin.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024