A Xunta difunde as capacidades de investigación e innovación de Galicia ante unha delegación internacional do sector biotecnolóxico

A directora da Axencia Galega de Innovación saúda aos representantes de seis países  que visitan o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, animou hoxe aos representantes do sector biotecnolóxico dos seis países que participan no Galicia Biobusiness tour a aproveitar a ocasión para crear vínculos que fructifiquen en proxectos de investigación, divulgación e atracción de talento conxuntos. Esta delegación científica chega de Italia, Bélxica, Portugal, Canadá, Xapón e Reino Unido.

Así o remarcou a representante da Xunta de Galicia durante unha visita ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Puxo de relevo as capacidades de investigación e innovación do ecosistema galego de I+D+i, servindo de exemplo a Fundación Pública de Medicina Xenómica e a Plataforma Innopharma da Universidade de Santiago, que tiveron a oportunidade de visitar esta mañá. A directora do Gain destacou tamén a relevancia no eido científico de figuras como Mabel Loza e Ángel Carracedo, anfitrións da visita.

Apoio do Goberno galego

Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través de Gain, apoiou con 5 millóns de euros, procedentes de fondos europeos REACT-UE dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, a adquisición e actualización do equipamento científico-tecnolóxico e a contratación de persoal da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Mabel Loza e Ángel Carracedo.

Esta plataforma está recoñecida como unha das oito Plataformas de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC EU-Openscreen) e dispón dunha das quimiotecas máis importantes de España e Europa.

A Xunta de Galicia apoia tamén a actividade da Fundación Pública de Medicina Xenómica a través dun contrato-programa que achega financiamento para os gastos estruturais da fundación de investigación biomédica.

Colaboración con Bioga

A visita desta delegación enmárcase na celebración de Galicia Biodays 2024, un evento que se celebra os vindeiros mércores 12 e xoves 14 de xuño en Vigo e que está organizado polo clúster Bioga, co que colabora a Xunta de Galicia.

Esta apoio inscríbese na aposta do Goberno galego pola biotecnoloxía como un sector estratéxico para Galicia e que se concreta na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, que se está a executar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024