A Xunta participa na simulación dun incendio nivel 2 en varios concellos das provincias da Coruña e Pontevedra

O director xeral de Emerxencias e Interior e o director xeral de Defensa do Monte participaron xunto cos delegados territoriais da Xunta na Coruña e Pontevedra na coordinación do operativo que abarcou os municipios de Valga, Pontecesures, A Estrada e Padrón

O exercicio permitiu avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes

Valga (Pontevedra), 10 de xuño de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron esta mañá xunto cos delegados territorial da Xunta na Coruña e Pontevedra, Belén do Campo e Agustín Reguera, no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por un incendio orixinado entre os concellos pontevedreses de Valga, Pontecesures e A Estrada e o coruñés de Padrón.

Con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación, os procedementos de activación dos plans de actuación municipal e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control.

A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), Sala de Control Operativo (SACOP), Centros de Coordinación de Medio Rural e Posto de Mando Avanzado (PMA)- e a activación do Punto de Recepción de Medios (PRM) ata o que se desprazaron os diferentes servizos de loita contra o lume da Consellería do Medio Rural e o Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Participaron seis técnicos, cinco axentes, cinco brigadas e cinco motobombas, así como bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña e efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Padrón e A Estrada.

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Autonómica, Garda Civil, Policía Local de A Estrada, Valga, Pontecesures e Padrón-, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Estrada, Valga e Padrón e o GALI da Axega. Como apoio sanitario mobilizouse a través do 061 unha ambulancia asistencial e un vehículo da Cruz Vermella.

Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a protección de vivendas ou a adopción de medidas de protección á poboación como a evacuación.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 09,00 horas e baseouse nun incendio iniciado en catro focos, un deles no lugar das Laceiras, en Valga, e os outros tres nunha pista forestal. Os traballos de extinción centráronse no primeiro foco pola proximidade ás vivendas e progresando cara o norte ao afectar a varios lugares das provincias da Coruña e Pontevedra.

Coa declaración de situación operativa 2 por risco para as persoas constitúense o CECOP e PMA e actívase o PRM para mobilizar os medios necesarios. Unha vez controlado o incendio desactivouse a situación 2 e finalizou o exercicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024