O Servizo Galego de Saúde licita a reforma da Unidade de diagnóstico de Aparello Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A Xunta destina 382.806 euros a unha actuación que permitirá dotar dunha sala de procesamentos dixestivos avanzada de 81 metros cadrados de superficie

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia o anuncio de licitación da obra de reforma da Unidade de diagnósticos de Aparello dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Segundo establece o contrato licitado, a Xunta destinará unha partida de 382.806 euros a unha actuación coa que optimizará a calidade asistencial aos pacientes do centro hospitalario da cidade olívica.

A reforma incidirá nos dous gabinetes de exploración existentes na planta -1 do Hospital Álvaro Cunqueiro, dando lugar a unha nova área de diagnóstico, que contará cunha superficie de 81 metros cadrados.

As melloras previstas nas salas de probas funcionais e de gastroscopias do servizo de aparello dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro responderán á necesidade deste centro de contar cunha sala de procesamentos dixestivos avanzada.

Nesta liña, o proxecto de reforma prevé unha sala principal de procesamentos dixestivos, unha sala de control, un local destinado ao persoal e unha esclusa mixta de comunicación.

Data de actualización: 10/06/2024