O Diario Oficial de Galicia tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública para acometer esta intervención, que suporá un investimento de máis de 1 M€

A Xunta publica a aprobación das actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 43 paradas de autobús en estradas autonómicas en Nigrán

O proxecto prevé intervir nas paradas situadas nas vías PO-325, PO-552 e PO-340, todas no municipio de Nigrán, enmarcadas nas rutas de acceso polo sureste a Vigo

As intervencións inclúen a colocación de novos refuxios, a mellora dos apartadoiros para autobuses e da súa accesibilidade, información en braille, ou o incremento da visibilidade e a iluminación, entre outras accións

Nos vindeiros meses realizarase a xestión das expropiacións, para licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas de titularidade autonómica cun investimento global de arredor de 35M€

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación do proxecto das actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 43 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas no ámbito das rutas de acceso polo sureste a Vigo, no concello de Nigrán.

En concreto, estas intervencións céntranse en actuar no ámbito das rutas do transporte público nas estradas autonómicas PO-325 entre o punto quilométrico 9+330 e 14+670; na PO-552, entre o 7+470 e 12+850; e na PO-340, entre o 17+170 e 20+590, todas no municipio pontevedrés de Nigrán. Estas actuacións suporán un investimento autonómico de máis de 1 M€, tendo en conta o pagamento das 36 parcelas necesarias para levar a cabo as obras. A superficie de expropiación acada os 1.266,23 m2.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 27 de maio, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pode consultarse a información:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240610/AnuncioG0181-310524-0001_gl.html

As actuacións proxectadas inclúen a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas.

Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

No eido destas intervencións, os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo semestre deste ano, para licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025.

Con estas intervencións o Goberno galego ten como obxectivo incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos, no uso do transporte público, o que fomentará a diminución do uso dos movementos de corto e medio recorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación; e redundará nunha diminución das emisións de partículas nocivas de xeito gradual.

Os proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús que a Xunta ten en marcha nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia, estando xa en execución a mellora de 284 paradas. O investimento total previsto é de arredor de 35 M€.

Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024