Un total de 48 concellos galegos vanse beneficiar das axudas da Xunta para a mellora de infraestruturas e servizos en parques empresariais

Esta liña de apoios enmárcase na política económica da Xunta que busca unha constante mellora da oferta de solo empresarial para favorecer a actividade das empresas, a captación de novos investimentos e a creación de emprego

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de resolver a orde de axudas convocada a inicios deste ano por importe de 3,5M€ para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos, da que resultaron beneficiados un total de 48 municipios.

Trátase dos concellos de O Pereiro de Aguiar, O Porriño, Vilamarín, Noia, Silleda, Santa Comba, Vilar de Santos, Ponteceso, A Cañiza, Moraña, O Corgo, Boqueixón, A Lama, Cospeito, Beariz, Celanova, Rianxo, Monterroso, Oroso, San Cibrao das Viñas, Boiro, Coirós, Cervo, Portomarín, Meaño, Valga, Pontedeva, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Ordes, Outeiro de Rei, As Somozas, Oleiros, Melide, Ames, Val do Dubra, Sanxenxo, Gondomar, Vila de Cruces, Lalín, Vimianzo, Narón, Monforte de Lemos, A Laracha, Carballo, Padrón, Zas e Chantada.

Esta liña de apoios enmárcase na política económica da Xunta que busca unha constante mellora da oferta de solo empresarial para favorecer a actividade das empresas, a captación de novos investimentos e a creación de emprego. Ten como obxectivo a mellora dos servizos e o acondicionamento das infraestruturas existentes ou de nova construción nos polígonos industriais galegos co fin de que as empresas radicadas en Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, ao tempo que contribúe a fixar novos proxectos.

A intensidade das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, é dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2024.

Cobre actuacións como a implantación de melloras na iluminación pública, nos colectores que verten ás edar municipais; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao recinto; a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia; as instalacións comúns de equipos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios ou contra roubos de cable; e os servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno.

Ademais, co fin de fomentar a xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles e o impulso á xestión compartida de servizos, a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por mais dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Data de actualización: 07/06/2024