O volume de exportacións do Hipersector TIC galego supera os 120 M€, o importe máis alto desde 2017

O valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumenta un 1,4 % no último ano e sitúase, por primeira vez, por riba dos dous mil millóns de euros

O número de empresas galegas dos sectores tecnolóxico e de contidos acadan as 4.170 e suman 28.556 traballadores

O investimento en innovación do Hipersector TIC galego aumenta en máis de 46 millóns de euros no último ano, un 38,8 % máis que o ano anterior

Santiago de Compostela, 8  de xuño  de 2024

O Hipersector TIC galego, integrado polo sector TIC e o sector de contidos, realizou exportacións en 2022 por valor de máis de 120 millóns de euros, 12 millóns de euros máis que o ano anterior e o valor máis elevado desde 2017. Ademais,  o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC creceu un 1,4 % no último ano e supera, por primeira vez, a barreira dos dous mil millóns de euros.

Así se recolle no estudo “Galicia dixital. O Hipesector TiC en Galicia”, baseado en datos de 2022 e 2023 e que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O estudo sinala que o Hipersector TIC pechou o ano 2023 con 28.556  traballadores, o que supón un incremento do 4,7 % respecto ao ano anterior. O incremento máis elevado do emprego rexistrouse no sector tecnolóxico, que conta actualmente con 22.932 traballadores, aumentando nun 5,2 % no último ano. O sector contidos crece un 2,9 % e acada os 5.624 traballadores.

No 2023, a porcentaxe de mulleres empregadas no Hipersector TIC foi do 33,4 %, un 6,1 % máis que o ano anterior. Por terceiro ano consecutivo, crece máis o emprego feminino que o masculino.

O número de empresas do Hipersector TIC mantén o ritmo de crecemento e en 2023 acadou as 4.170,  das cales que o 75,3 % pertencen ao  sector TIC e o 24,7 % ao de contidos.  O crecemento no número de empresas no Hipersector é sostido nos últimos anos, acumulando un aumento dun 13,8 % dende o 2018.

Innovación

No período 2020-2022 o Hipersector TIC, investiu preto de 165 millóns de euros en innovación, 46 millóns de euros máis que o período anterior e supón o 20 % do total do gasto en innovación das empresas de Galicia.

Respecto ao tipo de actividade innovadora, o 45,8 % das medianas e grandes empresas do Hipersector TIC sinala ter realizado, principalmente, innovacións de produto (84,5 %) e tecnolóxicas de procesos (88,7 %).

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2024