O presidente do Goberno autonómico visitou os traballos que se están a levar a cabo no complexo

Rueda destaca a posta en marcha da Cidade de San Caetano no segundo semestre de 2025 co remate da 1ª fase das obras

Sinala que, unha vez finalizados os traballos, o novo edificio dará cabida “ata 700 empregados e empregadas públicas en condicións moito máis axeitadas”, ao mesmo tempo que fará máis cómodos os trámites administrativos aos cidadáns

Resalta a comodidade da centralización da actividade administrativa da Xunta nun mesmo espazo para optimizar a atención aos cidadáns

Agarda poder chegar a un acordo co Concello de Santiago para o traslado do actual parque de bombeiros e poder iniciar así a segunda e última fase das obras

Santiago de Compostela, 7 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa creación do Complexo Administrativo de San Caetano, que permitirá centralizar a actividade administrativa, ao mesmo tempo que puxo en valor este novo espazo. Así o manifestou tras realizar un percorrido polas obras da 1ª fase do proxecto no espazo que ocupaba a antiga estación de autobuses, as cales está previsto que rematen no segundo semestre de 2025.

“Unha vez rematados os traballos, o novo edificio albergará ata 700 empregados e empregadas públicas en condicións moito máis axeitadas”, ao mesmo tempo que destacou a modernidade das novas dependencias e a optimización da súa organización, aumentando a comodidade á hora de realizar trámites administrativos aos cidadáns.

Neste sentido, o titular do Executivo autonómico, que estivo acompañado polos conselleiros de Facenda e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Miguel Corgos e María Martínez Allegue, respectivamente, lembrou que a creación da Cidade de San Caetano suporá a unificación nun único espazo de servizos do Goberno Autonómico que actualmente están espallados pola cidade.

Así, o remate da 1ª fase deste proxecto permitirá a creación de espazos de traballo modernizados e evitar un gasto en alugueiros de máis de 1,1 millóns de euros ao ano, ademais de achegar valor engadido a esta zona no norte da cidade compostelán.

Esta construción terá en conta a integración da contorna a través da posta en valor da eficiencia enerxética e tamén da estética, procedendo ao establecemento, xa que a propia estrutura contribuirá ao confort térmico cun innovador sistema apoiado na xeotermia, así como a súa integración na contorna.

“Creo que a avenida Rodríguez de Viguri quedará perfectamente conformada así”, apuntou, ao mesmo tempo que destacou a aposta do Goberno galego por unha mobilidade sostible na zona, en referencia á senda que está executando a Xunta.

Espazo do parque de bombeiros

O titular do Goberno galego explicou que, unha vez finalizada a primeira fase, quedaría levar a cabo unha segunda parte do proxecto, a que correspondería ao espazo que actualmente ocupa o parque de bombeiros. “Esperamos chegar tamén a un acordo co Concello de Santiago para o seu traslado e poder executar o segundo e último paso desta cidade administrativa”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024