A Xunta conclúe unha nova campaña arqueolóxica no xacemento do castro do Sarridal, en Cedeira, co achado de restos da época prerromana

A actuación, que conta cun investimento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de algo máis de 17.000 euros, desenvolveuse nesta ocasión na área posterior da sauna castrexa ou monumento con forno

Ferrol, 7 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia conclúe hoxe a última campaña de escavación financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no castro do Sarridal, en Cedeira. A actuación, que conta cun investimento autonómico de 17.182 euros, saldouse co achado de restos da época prerromana.

Segundo explicou o director da campaña, Emilio Ramil, os traballos que se prolongaron durante un mes desenvolvéronse nesta ocasión na área posterior á sauna castrexa ou monumento con forno coa finalidade de recoñecer as diferentes estruturas exteriores relacionadas coa zona de alimentación do forno, muros cara o perfil norte e a continuidade da canle de desaugue procedente da piscina da cámara. Nesta zona acháronse restos da época prerromana, concretamente restos dos muros de catro vivendas circulares.

O castro do Sarridal é un xacemento fortificado da idade do Ferro, de tipo costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas polos seus respectivos fosos.

Desde 2017 este xacemento está sendo escavado a través de varias campañas arqueolóxicas financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e o Concello de Cedeira. O máis destacado destas actuacións foi a localización dunha estrutura tipo sauna das denominadas “monumento con forno”, das que se conservan moi poucas en todo o noroeste peninsular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024