A Xunta pon en valor a formación que ofrece o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para captar e reter talento no sector TIC da comunidade

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta tarde en Santiago de Compostela o CNTG, onde departiu con profesorado e alumnado e asistiu a un relatorio a cargo do experto en innovación Alfons Cornellá

Neste curso 2023/2024, o Centro ten programados 102 seminarios técnicos e 115 cursos con máis de 2.300 prazas e case 6.000 horas de formación sobre temáticas moi demandadas como a ciberseguridade, os servizos na nube ou a intelixencia artificial

O sector TIC está composto por máis de 3.100 empresas en Galicia e dá emprego a preto de 23.000 persoas, cunha facturación global de case 3.700 millóns de euros, o que supón o 2,7% do noso PIB

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta tarde en Santiago de Compostela o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), onde comprobou de primeira man o resultado das accións formativas que están a servir para captar e reter talento no sector TIC da nosa Comunidade. En concreto, no presente curso 2023/2024 están programadas máis de 200 accións arredor das temáticas máis demandadas -como a ciberseguridade, os servizos na nube e a intelixencia artificial-, das que se teñen realizado xa máis de 160.

Durante a visita, a directora xeral departiu con profesorado e alumnado dos cursos presenciais que se estaban a desenvolver no centro nese momento. En concreto, na actualidade impártense nove cursos, catro en modalidade presencial (sobre desenvolvemento na nube, administración de sistemas linux e ciberseguridade), catro en modalidade virtual (sobre desenvolvemento web, desenvolvemento de aplicacións móbiles, deseño de sistemas na nube e ferramentas de desenvolvemento e administración de sistemas) e un en modalidade de teleformación (sobre administración avanzada de sistemas).  

Así mesmo, Zeltia Lado asistiu esta tarde a un dos relatorios do seminario Dixitalización e competitividade: casos e aplicación para mellorar a eficiencia nas pemes, a cargo do experto en innovación Alfons Cornellá. Esta sesión forma parte das actividades destinadas a dar a coñecer as oportunidades que aporta a tecnoloxía para a mellora da competitividade das empresas. 

Programa formativo do CNTG

Entre setembro de 2023 e decembro de 2024, o CNTG ten programados 115 cursos (50 en modalidade presencial, 48 en modalidade virtual, 9 en modalidade de teleformación e 8 en modalidade híbrida) cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos. Este programa está destinado tanto a persoas traballadoras do sector TIC galego como a persoas desempregadas interesadas en incorporarse a el.

No presente mes, ademais dos cursos en desenvolvemento, están previstos 12 seminarios técnicos sobre temáticas como a introdución á nube para desenvolvedores de aplicacións ou administradores de sistemas, blockchain, intelixencia artificial, métricas no desenvolvemento de aplicacións, dixitalización e competitividade para pemes, técnicas avanzadas de desenvolvemento e posta en funcionamento de ditas aplicacións, etc.

Ata agora, lévanse celebrado 90 cursos con 1.830 prazas ofertadas, para as que se presentaron 6.248 solicitudes. Adicionalmente, desenvolvéronse 74 seminarios, nos que se inscribiron 2.524 persoas interesadas.

Atendendo á situación laboral das persoas formadas, un 67,32% son empregadas do sector privado, case un 19% desempregadas, un 10% traballadoras do sector público e un 3,71% traballadoras por conta propia.

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia confírmase así como referente formativo para o sector TIC, un sector composto por máis de 3.100 empresas na nosa Comunidade (o que supón a quinta posición no Estado, só por detrás de Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana) e dá emprego a preto de 23.000 persoas, cunha facturación global de case 3.700 millóns de euros, o que supón o 2,7% do noso PIB.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024