O CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle e o CRA Amencer de Ribadavia gañan a quinta edición do concurso Pilabot de recollida de pilas

Os centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo

Tamén se realizaron medio cento de talleres didácticos co obxectivo de poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na iniciativa

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

O CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle e o CRA Amencer de Ribadavia convertéronse nos gañadores da quinta edición do concurso Pilabot, organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia -Ecopilas, ERP e Ecolec-.

Na quinta edición do concurso participaron uns 32.000 alumnos dun total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Este ano pechou coa recollida de 40.304 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas, un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Dese total, o CEIP Carmen García Castro  de Cenlle levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller preto de 2,3 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 2.291 kg—. Pola súa banda, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora M.M. Franciscanas, de Ourense, foi segundo, con 2.183,44 quilos recollidos.

No que atinxe á categoría do premio que ten por obxectivo recoñecer o traballo dos centros coas mellores ratios de recollida por alumno, o gañador foi o CRA Amencer de Ribadavia, con 47,41 quilogramos por estudante. O CEIP Roberto Blanco Torres da Peroxa recibirá o segundo premio logo de recoller 25,59 kg por alumno.

Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

Ademais dos concursos, a campaña incluíu a realización de medio cento de talleres didácticos nos que o obxectivo era poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na iniciativa.

Data de actualización: 06/06/2024