O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita este ben da época barroca, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

López Campos anuncia a licitación das obras para restaurar o retablo da igrexa de San Xián de Laíño de Dodro

A actuación conta cun prazo previsto de cinco meses e unha achega de 35.000 € para resolver os danos provocados pola humidade e afectación dos térmites

Con estes traballos, a Xunta de Galicia completa a restauración dos tres retablos desta igrexa parroquial

Dodro (A Coruña), 6 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras para restaurar o retablo de San Xosé da igrexa de San Xián de Laíño, situada no concello coruñés de Dodro. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este ben da época barroca e incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Neste marco, o responsable autonómico de Cultura salientou o firme compromiso do Goberno galego coa preservación e conservación do “rico e amplo patrimonio cultural, do que forma parte dun xeito salientable a arte sacra situada no noso territorio” e que considerou que “forman parte indiscutible da identidade cultural de Galicia”.

Tal e como explicou, no caso concreto desta actuación o Goberno galego destina 35.000 euros para recuperar o retablo de San Xosé completando así a restauración dos tres retablos desta igrexa parroquial despois de que o verán pasado se actuase no retablo maior e, hai catro anos, no lateral.

Os traballos que se van poñer en marcha na actualidade pretenden deter e solucionar as patoloxías que afectan ao retablo causadas pola temperatura, humidade e ataques de insectos xilófagos que se alimentan da madeira, como poden ser os termites. Ademais, tamén se actuará sobre a policromía, afectada polo paso do tempo, e nos vernices e repintes.

Para poder desenvolver estes traballos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cun convenio de colaboración coa Diocese de Santiago de Compostela para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios que permitan a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024