O Centro Pedro Murias da Xunta en Ribadeo abre as súas portas para amosar os seus ciclos de FP dual de aproveitamento do medio natural e agroecoloxía

A xornada para o público en xeral contou coa participación de Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, á que está adscrito este centro

Tamén se organizaron unha serie de actividades teórico-prácticas para achegar os visitantes ao mundo forestal e agroecolóxico, así como unha degustación de produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada

Ribadeo (Lugo), 6 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, participou esta mañá na xornada de portas abertas organizada polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias deste concello lucense, dependente da Consellería do Medio Rural. O obxectivo principal desta xornada foi o de amosar os visitantes a oferta formativa deste centro para o curso 2024-2025, na que figuran dous ciclos de grao medio en modalidade de FP dual. Trátase dos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, por un lado, e de Produción Agroecolóxica, por outra.

No primeiro destes ciclos, os alumnos aprenden a realizar as operacións de repoboación forestal, de restauración ou ordenación hidrolóxico-forestal e de aproveitamento forestal, así como o control e a vixilancia do medio natural, manexando e mantendo a maquinaria e as instalacións forestais, consonte á normativa ambiental e de prevención de riscos laborais. A saída profesional, neste caso, oriéntase cara o traballo forestal cualificado.

Pola súa banda, o ciclo de Produción Agroecolóxica, como o seu propio nome indica, céntrase na aprendizaxe das actividades axeitadas para a obtención de produtos agropecuarios ecolóxicos con técnicas agrícolas e gandeiras, para a mellora da biodiversidade e da estabilidade do medio e da fertilidade do solo. Todo isto, en condicións de calidade e aplicando a regulamentación de produción ecolóxica, de benestar animal, de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

Os alumnos que estuden este ciclo poderán desempeñar logo tarefas propias dun traballador cualificado por conta allea e por conta propia en cultivos e en gandaría ecolóxica, agricultor ecolóxico, criador de gando ecolóxico e outras semellantes. A xornada de portas abertas neste CFEA, situado na localidade lucense de Ribadeo, serviu tamén para poñer en valor e dar a coñecer aos mozos interesados as súas instalacións.

Actividades teórico-prácticas

En relación coa oferta educativa e as infraestruturas do Pedro Murias, neste día organizáronse ademais unha serie de actividades teórico-prácticas para achegar os visitantes ao mundo forestal e agroecolóxico. Así, por exemplo, presentouse o proxecto agroecolóxico “Eo Alimenta”, da empresa pública Seaga e Milhulloa sociedade cooperativa galega. Tamén se desenvolveu un obradoiro de demostración de traballos forestais en altura e unha demostración do uso de vehículos aéreos non tripulados para traballos forestais e agrícolas.

Así mesmo, tivo lugar un taller de manexo de simulador de procesadora forestal. O programa da xornada completouse con cadansúa charla sobre alimentos ecolóxicos e arredor do recurso micolóxico na Reserva da biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, a cargo de expertos da Universidade de Santiago de Compostela. Ao remate destes actos, ofreceuse unha degustación de produtos con denominacións de calidade de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024