A Policía Autonómica levanta cinco actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado no festival O Son do Camiño

Catro dos levantamentos foron a postos ambulantes localizados nas proximidades do evento que carecían de cartel informativo da prohibición de venda e subministración de alcohol a menores, así como de licenza municipal de actividade

Os axentes identificaron tamén 103 menores de idade e levantaron acta a outro por portar papelinas dunha presunta substancia estupefaciente

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica en Santiago levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade no festival O Son do Camiño, celebrado a pasada semana en Compostela e de cuxo dispositivo de protección e seguridade formou parte este corpo policial. Como resultado das inspeccións identificouse 103 menores e levantáronse cinco actas de infracción

O levantamento de catro das actas foi a postos ambulantes localizados nas proximidades do evento por incumprimento das leis 2/1996 e 11/2010 en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores. Os establecementos carecían tanto de cartel informativo da prohibición de venda e subministración de alcohol a menores como de licenza municipal de actividade. Outra das actas levantouse a un menor identificado nas inmediacións do festival, que portaba papelinas dunha presunta substancia estupefaciente.

O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en  locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.

A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade. 

Data de actualización: 06/06/2024