O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, mantivo un encontro con empresarios do sector na Coruña

A Xunta potencia a adhesión de empresas ao protocolo de ocio nocturno libre de violencias

Unha vintena de establecementos do sector xa se adheriron a esta iniciativa e arredor de 40 profesionais recibiron formación específica

A Coruña, 6 de xuño de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse esta mañá con empresarios da entidade España de noche para abordar a aplicación e posible adhesión de máis empresas ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas nos espazos de lecer nocturno.

Trala aprobación deste documento, a finais do ano pasado, adheríronse á iniciativa unha vintena de locais do sector das catro provincias galegas e máis de 40 traballadores recibiron formación específica para que coñezan as manifestacións máis habituais das violencias sexuais e LGBTIfóbicas e poidan, así, combatelas e contribuír á súa prevención.

O director xeral destacou a boa acollida do Protocolo tanto polos responsables como polo persoal destes establecementos, que se amosaron moi participativos. No encontro, Roberto Barba  e os representantes do ocio nocturno coincidiron na súa aposta por seguir impulsando a implantación do Protocolo en máis establecementos e por continuar coas actividades formativas para os profesionais do sector.

Neste sentido, está prevista unha segunda edición do programa de formación, que volverá desenvolverse de maneira telemática, en diferentes horarios, para facilitar a participación. A Xunta reforzará, ademais, a difusión da iniciativa. Nas próximas semanas, distribuirá novos exemplares do Protocolo entre os concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, os Centros de Información á Muller (CIM), os Centros Quérote+ e os Espazos Xoves.

O Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno incide na prevención e tratamento de situacións de violencia nos locais deste sector. Entre as súas liñas de actuación, pon o foco na atención á vítima de maneira confidencial e inmediata. Tamén promove que os establecementos adheridos desenvolvan iniciativas de prevención e sensibilización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024