A Xunta apoia o IX Torneo de fútbol memorial Pedro Canoa de Sarria, que congregará a uns 900 xogadores esta fin de semana no estadio da Ribela

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación deste encontro organizado pola SD Sarriana, que contará con 72 equipos de 24 clubs de toda Galicia, así como de Asturias e Castela e León

Sarria (Lugo), 5 de xuño de 2024

A Xunta apoia o IX Torneo Memorial Pedro Canoa de Sarria, que reunirá esta fin de semana a uns 900 xogadores de entre 5 e 13 anos no estadio da Ribela.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou na presentación da cita xunto co presidente da SD Sarriana, Manuel Sangil; o coordinador do campionato, José López, e outros membros da organización e de entidades implicadas.

O torneo disputarase durante tres días e congregará a 72 equipos de 24 clubs procedentes das catro provincias galegas, así como de Asturias e Castela e León. 

Os partidos comezarán o venres 7 de xuño pola tarde coa categoría prebenxamín; mentres que o sábado xogarán benxamín e alevín e o domingo será a quenda da categoría infantil.

Arias felicitou á SD Sarriana pola traxectoria deste encontro que cada ano esperta máis interese entre os clubs de fútbol e subliñou a importancia do deporte e dos hábitos de vida saudables “como un valor que lles hai que transmitir aos máis pequenos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024