A consellería do Medio rural destinou preto de 55 M€ desde 2016 para o fomento de 24.500 novas hectáreas de coníferas e frondosas

Así o sinalou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento

Destacou que as achegas para o fomento da plantación de castiñeiros para froito ou a mellora de soutos tradicionais, dotadas con máis de 1,3 millóns de euros, teñen o prazo de solicitude aberto na convocatoria deste 2024

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través dun investimento de case 55 millóns de euros desde o ano 2016, contribuíu ao fomento de 24.500 novas hectáreas de coníferas e frondosas en terreos non agrícolas. Así o trasladou esta tarde o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, en resposta a unha pregunta na Comisión 7ª do Parlamento.

Nesta liña, o director xeral resaltou os avances da política de forestación levada a cabo pola Xunta e as axudas concedidas nos últimos anos nesta materia, co obxectivo de favorecer a sostibilidade da xestión forestal. No marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, o investimento de 52,5 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), permitiu actuar en 24.000 hectáreas e favoreceu a plantación de 26 millóns de árbores no monte galego desde 2016

O director xeral sinalou que estas accións se complementan con actuacións distintas da plantación de especies arbóreas, como a reparación de infraestruturas ou a eliminación de madeira queimada, entre outras.

Axudas para o fomento dos castiñeiros para froito

A este investimento de 52,5 millóns de euros, explicou José Luis Chan, súmase o orzamento destinado para as convocatorias de 2023 e 2024 das axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro de froito para a rexeneración ou mellora de soutos tradicionais, financiadas cos fondos Next Generation.

A convocatoria de 2023, sinalou, permitiu actuar nunha superficie de 245 hectáreas cun investimento de preto dun millón de euros e 69 expedientes aprobados, a súa maioría na provincia de Lugo. Por outra banda, o director xeral destacou que a convocatoria de 2024 destas axudas mantén o prazo aberto ata o vindeiro día 26 de xuño. Entre ambas as dúas convocatorias, estímase un investimento de 2,3 millóns de euros para o fomento do castiñeiro para froito ou a mellora dos soutos tradicionais, así como unha actuación sobre 500 hectáreas e 41.600 plantas de castiñeiro para froito.

Inventario Forestal Continuo de Galicia

En resposta a outra pregunta, destacou que o Inventario Forestal Continuo de Galicia, que se está a desenvolver, responde ás demandas sociais e ás limitacións detectadas no Inventario Forestal Nacional, que non se axustaba á realidade galega. 

O proxecto galego, indicou, busca proporcionar datos precisos e actualizados para mellorar a xestión e planificación forestal en Galicia e tamén, destacou, permite a formación de persoal investigador con alta cualificación en novas tecnoloxías aplicadas á xestión forestal.

Para acadalo, a Xunta colabora con diversas entidades, como son as universidades galegas, a empresa pública Seaga e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, para a recoleción e análise dos datos, promovendo unha xestión forestal sostible. Ademais, este inventario inclúe a utilización de tecnoloxías avanzadas, como LiDAR, para unha mellor toma de decisións e a sustentabilidade a longo prazo do sector forestal galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024