Lete enxalza o motociclismo galego como referente mundial na presentación da proba máis importante do Enduro, os Six days, que chegará a Galicia en outubro

Destaca o liderado galego nas especialidades off-road con Gabriel Marcelli e Jorge Casales no trial, Jorge Prado e Rubén Fernández no motocross e Xacob Agra e Aarón Bernárdez no enduro que liderarán dous equipos galegos nos ‘Six Days’

Pontevedra, 5 de xuño de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación dos ‘International Six Days of Enduro – NOCO ISDE Spain 2024’, a proba de motociclismo oficial máis antiga rexistrada pola Federación Internacional de Motociclismo, que terá lugar en Galicia do 14 ao 19 de outubro. Alí, o mandatario galego destacou a Galicia como referente mundial no motociclismo e, nomeadamente, no motociclismo off-road (fóra de estrada) que comprende as especialidades de trial, motocross e enduro. 

Neste sentido destacou a Gabriel Marcelli e Jorge Casales no trial, así como a proba inaugural do Mundial Trial GP de 2023 en Arteixo; a Jorge Prado e Rubén Fernández no motocross, así como o Gran Premio de Lugo que tivo lugar hai unhas semanas; e, como non, a pilotos da categoría de Xacob Agra e Aarón Fernández que xunto a Abel Carballés e Juan Carlos Moreiras, por unha banda, e Jorge Paradelo e Diego Touriñán, pola outra, conforman os dous equipos galegos presentados pola Federación Galega de Motociclismo que competirán entre os 600 pilotos de 30 nacionalidades diferentes. En total, a representación galega nos ‘Six Days’ será duns 30 pilotos, o 5% do total.

Todos eles, participarán nos ‘Six Days’ e levarán dende a sede principal da Semana Verde de Silleda o mellor motociclismo do mundo a outros recunchos galegos como Santiago de Compostela, Lalín, A Estrada e O Irixo, no que suporá ademais unha grande aposta polo turismo porque ademais dos 35.000 espectadores desprazados haberá que sumar os milleiros de persoas que o verán desde as súas casas grazas as retransmisións das televisións dunha decena de países.

Lete Lasa lembrou a forte aposta da Xunta polo motociclismo galego que permitiu que desde 2009 as licenzas se multiplicaran por tres e as femininas por 10, chegando hoxe a preto de 1.300 licenzas totais das que unhas 70 son femininas. Do mesmo xeito, sinalou a aposta pola base como demostra a segunda edición do Xogade coas motos que leva a primeira experiencia de motociclismo aos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024