A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo hoxe en Madrid unha chamada á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) neste sentido

A Xunta pide á industria que manteña os prezos do leite para garantir a sustentabilidade do sector

A titular de Medio Rural apelou aos responsables da industria para que teñan en conta a situación dos gandeiros e os incrementos dos seus custos de produción á hora de revisar os prezos dos contratos do leite de cara aos próximos meses

A Consellería insistiu esta mesma semana, nunha reunión co Ministerio de Agricultura, na necesidade de que se respecte e se cumpra a lei da cadea alimentaria para garantir o equilibrio na cadea de valor

Madrid, 5 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, fixo hoxe unha chamada ás industrias lácteas para que manteñan os prezos do leite que pagan aos gandeiros de cara aos próximos meses, co fin de garantir a sustentabilidade do sector e o equilibrio na súa cadea de valor. Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu en Madrid ao encontro “El sector lácteo español del futuro”, organizado pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) con motivo do 65 Día Internacional do Lácteo.

Aproveitando esta circunstancia, a titular de Medio Rural apelou aos responsables da industria para que teñan en conta a situación dos gandeiros e os incrementos dos seus custos de produción á hora de revisar os prezos dos contratos do leite. Trátase de que eses indicadores lles permitan aos produtores manter a súa actividade percibindo uns ingresos que cubran os custos, cunha marxe de beneficio, como calquera empresa, co fin de garantir a rendibilidade das explotacións.

Ao tempo, cómpre lembrar tamén que o propio director xeral de Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, insistiu esta mesma semana, nunha reunión convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) en Valladolid, na necesidade de que se respecte e se cumpra a lei da cadea alimentaria para garantir ese equilibrio na cadea de valor do leite.

Garantir a transparencia e o equilibrio

En definitiva, a Xunta solicita á industria láctea que cumpra cos produtores galegos e rexeita, de novo, calquera práctica que poña en cuestión a transparencia e equilibrio no sector lácteo. Ademais, o Goberno galego intensificará o seu esforzo e as súas xestións para que se reduza o diferencial de prezo entre o leite producido en Galicia e noutras comunidades españolas.

A maiores, cómpre engadir que a Xunta vén de reclamar por carta axilidade ao Ministerio de Facenda para a devolución do imposto do valor engadido (IVE) pendente a persoal gandeiro, derivado especificamente da compra de pensos ou enerxía, aspectos que teñen unha importante incidencia na conta de resultados das explotacións. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024